A aposta de Feijoo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ZIPI | EFE

20 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta aposta de Feijoo é a máis alta da democracia dende Aznar; ten dúas direccións e aproveita dúas pancas. Diríxese a medio prazo a intentar botar da Moncloa a Pedro Sánchez para entrar el, a curto prazo busca retirar da competición á tan aparente como baleira figura da presidenta da comunidade autónoma de Madrid, que os medios da capital sitúan nunha carreira con el pola dirección do PP.

As pancas que usa son a vontade duns xubilados por seguir no posto, tan española da aldea á xudicatura, do petrucio ao emérito. O problema é que neste caso trátase de xuíces xubilados —ou con mandato expirado— empeñados en facer crer que o seu poder pode equipararse ao dunha maioría parlamentaria que emana directamente da elección popular. Unha aberración en democracia que aquí se estivo aceptando por interese político partidario e que só pode entenderse remontándose ao pasado. Explícao nun libro de 1981 o cronista parlamentario de El Alcázar, o diario do búnker de excombatentes. Joaquín Aguirre Bellver comeza o limiar afirmando que: «El nuevo régimen, la democracia antifranquista, se propuso desde el primer momento la sujeción de las dos grandes instituciones seculares, Justicia y Ejército, al poder político». E remata, a propósito da detención do comandante golpista Saénz de Ynestrillas, apelando a «la ética de los jueces como única garantía», pois a eles a «misión salvadora corresponde...». Desbaratado o complot militar daquel ano, el e outros consideraban que xa só quedaban os xuíces para «salvar la civilización».

A outra panca tamén é singular en democracia, baséase na asombrosa superioridade en España do dereito administrativo sobre o constitucional. Herdanza invisible da ditadura (con raíces previas) que se fundamenta entre outros en López Rodó, aquel monárquico que en 1945, con só vinte e cinco anos, fíxose catedrático de Administrativo dunha universidade compostelá depredada de catedráticos. En ausencia de constitución intentaron o imposible: construír un estado de dereito nunha ditadura fundada nunha matanza. Con aquel poder e dende o Goberno ditatorial lograron crear unha escola, unha práctica e unha xurisprudencia que aínda hoxe parece ter máis pegada que o dereito constitucional. Dependencias da traxectoria non corrixidas.

Di Feijoo que o seu recurso busca garantir a democracia. É posible, e calquera cidadán con sentido común político pode aprecialo, que a práctica de introducir emendas que nada teñen que ver coa lei a emendar sexa un truco inconstitucional que se leva aproveitando dende que os administrativistas de Aznar a practicaron por primeira vez en 2003. Bo sería que o Tribunal Constitucional poida ditaminalo a posteriori. O que non pode é sequera pensar en paralizar unha votación parlamentaria.

A democracia só pode garantila a maioría, nunca a minoría. A oposición —que é minoría, pois senón sería Goberno— facendo o seu papel é unha garantía democrática, pero só a maioría garante a democracia por definición, a ela corresponde o Executivo e os medios e recursos que del dependen, incluídos os de coacción. Como ía ser doutra forma.