Bieito XVI e o demo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos aforismos máis enxeñosos que coñezo está no refraneiro español, di «a burro muerto, cebada al rabo» e reprende a necidade ou o cinismo de quen non fixo o debido cando podía e quere amañalo cando xa non ten remedio; pero tamén fai mofa dos eloxios desmesurados que recibimos cando morremos. Vímolo recentemente nos artigos de opinión e reportaxes sobre Pelé, Nicolás Redondo e Bieito XVI. A visita do papa a Compostela, en novembro de 2010, foi recordada como unha apoteose porque o pontífice peregrino dixo vir co corazón cheo de amor para agasallarnos a todos. O malo foi —e isto non se recordou— que antes de baixar do avión declarou aos xornalistas que en España houbo un anticlericalismo moi agresivo nos anos trinta e «ese choque entre fe e modernidade tamén se produce hoxe». Comparar as leis do matrimonio homosexual e do divorcio coa queima de conventos e asasinato de relixiosos era tal despropósito que os medios nacionais e internacionais deron máis importancia á declaración que á homilía. O presidente Zapatero, que visitara ao papa en xuño e cualificara a audiencia de cordialísima, perdeu as cellas no occipucio; o embaixador Paco Vázquez houbo de facer toreo de salón ante xornalistas agresivos, repetindo que «el Gobierno está encantado con la visita del papa. Ha sido un éxito»; e Cayo Lara, líder de Izquierda Unida, recordou que o Estado aporta á Igrexa case 10.000 millóns de euros cada ano e esixiu a ZP a aconfesionalidade do Estado.

Cinco anos despois, gobernando o PP e co independentismo catalán en plena ofensiva, Bieito XVI recibiu ao ministro Jorge Fernández Díaz e explicoulle que o demo odia a España polos moitos servizos prestados á Igrexa de Cristo, e quere destruíla. Non opinaba un pontífice calquera, porque Ratzinger era unha autoridade en teoloxía e demonoloxía, e hai cincuenta anos corrixira o número de demos que andan a facer maldades no mundo, fixado no século XVI polo prestixioso médico e demonólogo neerlandés Johann Weyer en 44.435.556, e aumentouno en varios miles. Mesmo contradixo ao seu admirado Xoán Paulo II quen, en 1999, anunciara que o inferno non é un lugar, senón a situación dos arredados libre e definitivamente de Deus. En 2007 Bieito XVI sostivo que «o inferno, do que se fala pouco neste tempo, existe e é eterno».

Hoxe, o catolicismo integrista pregunta sen pudor en prensa, radio e televisión se Francisco é o papa impostor, posuído polo mesmísimo Lucifer que, como anuncia o terceiro misterio de Fátima, destruirá a Igrexa. O terceiro misterio de Fátima, léase como se lea e por onde se lea, non di nada diso, pero tanto ten. Deben de ser cousas do demo.