Manuel Fraga Iribarne no seu centenario

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

El dictador cubano Fidel Castro, de origen gallego, visita Galicia.
El dictador cubano Fidel Castro, de origen gallego, visita Galicia. Archivo

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin coñecín ni tratei a Fraga. Foi un político notable agromado nun réxime deplorable. Tivo moita capacidade para adaptarse aos cambios e pouca para promovelos, como é propio dun conservador que nunca foi progresista. Tivo ideas estratéxicas fortes e estableceu os medios para levalas a cabo, o que o diferenza doutros que o sucederon.

Pedíronme falar del recentemente na súa vila natal para dar a visión dende a distancia do historiador, a partir do coñecemento do contexto máis que da persoa; outros participantes trataron o personaxe dende a proximidade persoal e dende a afinidade política. A mesa redonda foi un luxo de diálogo discrepante. Persoalmente Fraga foi para min un presidente da Xunta ao que nunca votei e celebrei a súa substitución democrática. Mellor falar dende a distancia. O Fraga histórico é o que me interesa. O que aínda non ten biografía.

Dicir que foi un grande político da segunda metade do século XX é un lugar común e unha verdade. Tan intelixente foi na construción da súa imaxe que deixou como legado a acción dun Ministerio de Turismo que na súa outra metade era o Ministerio de Información dunha Ditadura, co que iso significa. Mesmo aí reivindicou a Lei de Prensa como unha apertura, cando só significou o paso da censura previa exercida no seu ministerio á autocensura dos propios xornalistas que, de non escribir ao gusto do réxime, eran sancionados, despedidos e pechados os medios. Todo no tempo en que os lectores de prensa eran escasos e os medios de masas en España eran unha TV única e unha Radio Nacional que emitía os informativos para todas as emisoras.

Na transición, Fraga tivo un escaso papel pero liderou aqueles sete magníficos, aperturistas da segunda xeración do Movimiento que perderon diante da terceira a opción de dirixir o tránsito á democracia. Suárez, Martín Villa e outros tiñan menos mochila ás costas e controlaban de verdade os resortes de poder da Ditadura dende 1973. Nunhas declaracións a Ramoneda e Montalbán, Fraga recoñecía un ano antes de morrer Franco que a democracia era «inevitable». Todos tiñan camisa azul. Só el falaba así daquela.

Ollar o pasado con ollos do presente —os que temos—, entendendo as lóxicas do pasado, achéganos mellor ao personaxe. Aínda que formou parte do relatorio que fixo a Constitución actual e sempre se reivindicou como un dos seus sete pais, estivo en contra de cuestións centrais como a definición das nacionalidades, o establecemento do réxime autonómico e algunhas liberdades que abriu. Sete dos 16 deputados da súa Alianza Popular abstivéronse ou votaron contra a Constitución. Mais por iso o seu papel foi fundamental para situar no camiño constitucional boa parte daquel franquismo residual representado no primeiro Parlamento e moi poderoso fóra.

O seu grande éxito foi definir un proxecto para agrupar toda a dereita en democracia, despois do esfarelamento da UCD e o triunfo do PSOE. Chamoulle maioría natural e logrouno: merendou a todo o mundo con paciencia, intelixencia, sendo implacable e repartindo cargos.