
Veciño sul africano inmediato da Península Ibérica, porta de saída de persoas e mercadorías de todo ese continente cara Europa. Tamén de ideas, saberes e tecnoloxías. O paso do Estreito nas dúas direccións é tan antigo como a humanidade. O actual reino de Marrocos é unha antiga colonia, disfrazada co nome de protectorado ata 1956, co que o Estado español aínda non resolveu a descolonización do territorio do Sáhara, un contencioso, derivado da mala xestión da ditadura, que vén xerando unha dependencia conflitiva a todos os gobernos españois dende 1975.
Tampouco resolveu España o pasado colonial militar de explotación de recursos e de matanzas de persoas que protagonizou no norte do actual reino marroquí durante décadas. A traumática memoria colonial contemporánea, mesmo a de imperios xa decadentes como o español e o portugués, é difícil de resolver para os actuais países europeos. Ignorala vén sendo o método español, combinado cunha negación de responsabilidades históricas á que algúns gustan dar a volta para botar peito de imperio bo.
Aínda por riba, amais da ferida aberta polo contencioso saharauí e da mala conciencia colonial, nas costas africanas do actual reino de Marrocos están situadas dúas cidades, denominadas prazas de soberanía, que son territorio español e polo tanto da UE. Ceuta e Melilla, citadas nunha disposición transitoria da Constitución, son dende 1995 cidades autónomas enclavadas naquel territorio africano. Nin Tánger, Tetuán, Larache, nin Nador, nin máis territorio do Rif que esas dúas cidades, convertidas en enclaves fundados en argumentos do pasado, pero fonte de permanentes problemas e continuados conflitos no presente.
A de Marrocos é unha monarquía á que custa situar nos estándares convencionais das democracias, no que ten que ver cos dereitos e as liberdades, especialmente as de expresión. Como confirman varios xornalistas encarcerados e recentes ditames do Parlamento Europeo. Estes e outros elementos complican de cote as relacións españolas co veciño do sur ata extremos que, á vista de determinadas actuacións —moitas dende 1975—, fan dubidar aos cidadáns do sentido común democrático dos seus gobernos.
Lastrados por todo isto, os sucesivos gobernos españois pechan os ollos, apelan á realpolitik e tenta amparar decisións desviadas do sentido común democrático, nunha pretendida razón de estado que os cidadáns difícilmente podemos aceptar. Sobre todo, porque o veciño africano é un país marabilloso de xentes traballadoras, amables e cultivadas, moi parecidas ao mellor de nós mesmos. Iso son as persoas, todo o anterior se refire ao pasado e ás relacións internacionais. É neses lastres do pasado, non nas relacións humanas, culturais ou comerciais, onde debe explicarse o valado de Melilla, as mulleres cargadas de mercadorías polos pasos fronteirizos, os desplantes do rei alauita ou a errática e penosa política española verbo da independencia do Sáhara.