
Non se asuste ninguén que ben sei que a unión desas palabras desacouga a algúns. Mesmo a moitos que admiran a República francesa, séntense na casa na República portuguesa, gozan das viaxes á República italiana e mesmo gustarían pertencer á República dos Estados Unidos de América.
O 11 de febreiro a República española cumpriu 150 anos. Nada menos. Máis do dobre de anos que ten a italiana e case corenta máis que a portuguesa. A súa proclamación en 1873 por un Parlamento democrático elixido por primeira vez por sufraxio universal masculino directo foi resultado da abdicación dun rei, Amadeo de Saboya, tamén elixido polo Parlamento. Sendo un proceso decisivo para entender o presente, non é, porén, un asunto moi tratado, lembrado nin recoñecido agás para o gremio historiográfico.
Con estes longos antecedentes republicanos, segue sendo unha boa pregunta histórica interrogarse por que a diferenza de tantos países, hoxe en España hai unha monarquía e ademais unha monarquía borbónica, non saboiana dos descendentes de Amadeo ou mesmo carlista ou aínda bonapartista na liña de José I.
Visto no longo prazo destes cento cincuenta anos, a actual monarquía procede dun asasinato misterioso, tres golpes de Estado e unha derrota militar. O asasinato misterioso e nunca aclarado foi o do grande valedor do rei Amadeo, o xeneral Prim, cabeza da revolución democrática que en 1868 expulsou a Sabela II de Borbón. Os golpes de Estado arrincaron co de Pavía que disolveu as cortes republicanas a comezos de 1874, seguiron co de Martínez Campos que proclamou a Alfonso XII a finais dese ano e remataron co dos militares sublevados contra a democracia nos anos trinta do século pasado.
Despois da II República, a volta da monarquía foi consecuencia da derrota en 1945 dos aliados dos golpistas españois. A Ditadura, isolada no mundo, viuse na obriga de buscar unha saída política para lograr a mínima respectabilidade internacional e garantir a súa supervivencia. Ese foi o trasfondo da proclamación de España como reino na Lei de Sucesión á xefatura do Estado de 1947. Para Churchill, España era demasiado grande e tiña demasiada historia para intervila, pero facía falla algo máis. Unha garantía de futuro. Con esa lei, os golpistas fixeron testamento, declarando a Franco usufrutuario ata a morte do ente político saído da subversión militar e a vitoria na guerra que daquela non tiña outro nome que Estado totalitario ou nacional-sindicalista. Converterse en Reino foi a forma de pechar o pasado inmediato usando o pasado mediato.
A memoria da Primeira República foi maltratada polos que a derribaron, acurtárona a 11 meses pero durou 22 e os monárquicos retratárona como unha grande confusión que levaron á linguaxe cotiá. Falase moito da segunda pero nada da primeira, a que logrou que todos os poderes foran electivos e democráticos, a que definiu un modelo de organización territorial federal, ao xeito dos EUA que incluía a creación do Estado galaico entre outros 17. A historia da lexitimidade sempre é escura se non é democrática.