O paro dos letrados de Administración de Xustiza: unha folga excesiva
OPINIÓN
Non é doado tomar partido verbo das reclamacións dos letrados de Administración de Xustiza que producen a folga indefinida que se decidiu manter. As súas responsabilidades de fe pública, procesuais e de xefatura da oficina xudicial son sen dúbida graves, como as doutros corpos de función pública. A utilización como terceiro de comparación dos membros da carreira xudicial resulta pertinente, pola súa proximidade e dependencia, canto ás condicións de prestación de servizo, do mesmo ministerio.
Pero hai que salientar que a modalidade de folga escollida —a indefinida— causa un particular dano a un servizo fundamental que é instrumento de desfrute dun dereito básico da cidadanía. Prodúcese un conflito ben coñecido entre dereito de folga e exercicio doutros dereitos fundamentais do que hai abonda doutrina constitucional. A súa prolongación no tempo obrigaría a revisar á alza os servizos mínimos, porque, se xa os que se fixaron no seu día non foron excesivos se se comparan con outras convocatorias, o son aínda menos ao obxecto de diminuír a parálise que están a sufrir xulgados e tribunais.
Ademais, a folga convocouse por asociación profesionais, non por organizacións sindicais. Nada cabe obxectar desde a legalidade vixente, pero convén poñer de manifesto que sempre os conflitos que máis pegada negativa deixan na cidadanía están promovidos por entidades corporativas afastadas dos sindicatos de clase. Conviría reflexionar se, como sucede noutros sistemas comparados, habería que recoñecerlles o dereito de convocatoria en exclusiva ás organizacións sindicais.
Emporiso, tamén hai que criticar as manifestacións vertidas polo secretario de Estado de Xustiza. A súa postura de esixir antes que nada a desconvocatoria non é coherente co contido esencial do dereito de folga. Abondan as declaracións grandilocuentes e cómpre unha negociación intensa e de boa fe para a inminente solución do conflito, no que as dúas partes teñen responsabilidade, sen que se lle poida imputar en exclusiva a unha delas.
E habería que lembrarlles aos letrados e letradas que contan cunha mesa de negociación específica para o persoal da Administración de Xustiza, que é a canle natural para demandar as melloras nas súas condicións de prestación de servizo, por medio dos sindicatos de clase ou específicos da Administración de Xustiza. Que habelos, hainos. Desde fóra do conflito, semella desproporcionado o dano que se nos está a producir aos cidadáns.