A tres metros da praia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ANTONINO D'URSO / ZUMA PRESS / C | EUROPAPRESS

06 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As nubes aínda lembraban a treboada da noite do domingo mentres alguén facía unha foto dun flotador infantil rosa abandonado ao remol das ondas, a uns metros da beira. Nese mesmo lugar, no mes de agosto, nenas e nenos de toda Europa chapuzaron na auga ben gardados polas familias que poden permitirse unhas vacacións nesta viliña calabresa, tan fermosa coma cara. A praia onde esas españolas, francesas e danesas se bronceaban era agora unha morgue improvisada onde ían xacendo os sesenta e catro corpos de quen ata había unhas horas eran persoas que fuxían. Zarparan de Turquía, pero viñan de Iraq, Afganistán, Siria e Pakistán, lugares en que, de seguro, ningún dos veraneantes de Calabria querería criar os seus fillos. Na praia da Capadocia onde os recolleron, un dos doce meniños mortos ollara con desconfianza o mar e a embarcación escanastrada, agarrando o flotador co que os seus pais, que tampouco nunca viran o mar, o convenceran ao saír da casa en Afganistán. «Percorreron máis de mil quilómetros, para ir morrer a tres metros da praia», dixo a The Guardian o médico que atendeu os superviventes.

 Mentres o neno agarrado ao flotador miraba facerse pequeniña a costa turca, só dous días antes do naufraxio, un barco de Médicos Sen Fronteiras —o Geo Barents— tivo a triste honra de ser a primeira embarcación retida e multada con 10.000 euros en función da nova lei do Goberno neofascista de Georgia Meloni pola cal os barcos das ONG de salvamento marítimo deben solicitar porto e atracar nel inmediatamente despois dun rescate, sen opcións patrullar o mar. Sempre lles adxudican portos ben afastados das zonas quentes, por suposto, non vaia ser que os nenos que esquecen na casa o flotador se salven