
Na miña intervención de clausura do congreso de Galicia no que fun elixida secretaria xeral utilicei unha frase de Xela Arias: «Nós decidimos o que queremos facer coas nosas vidas». Esa frase define boa parte da miña traxectoria vital. E digo boa parte porque tal afirmación vai cobrando forza coa madurez. Agora son consciente de que calquera pequena variación nese percorrido había conducirme por outros camiños na vida.
Incorporeime ao mundo laboral con 18 anos, como caixeira dunha gran superficie; compatibilizaba estudos e traballo. Proveño dunha familia de clase obreira, así que a conciencia de axudar á economía familiar tíñaa moi interiorizada; asemade, a conciencia de clase e sociopolítica que mamara na casa levoume a ter claro que o primeiro que debía facer ao incorporarme ao mundo laboral era afiliarme a unha organización sindical de clase.
A empresa e a persoa traballadora non manteñen unha relación en pé de igualdade. Polo tanto, a afiliación a un sindicato é imprescindible para defender dereitos e acadar melloras laborais e sociais.
En 1994 entrei a traballar en Zara, empresa na que sigo ata agora. Esta conciencia de clase da que falo decidiume a formar parte do primeiro comité de empresa de Zara na provincia de Pontevedra, o segundo que se formalizou no Estado. Como dicía o meu querido Pepe Cameselle, «ser sindicalista é unha vocación», e esa vocación, ese compromiso e militancia, foi o que determinou a miña decisión de implicarme cada vez máis no traballo sindical cotián.
No 2012 asumín a secretaría xeral da Unión Comarcal de CC.OO. de Vigo; era a primeira muller que ocupaba ese cargo, nunha cidade eminentemente industrial e moi masculinizada na súa conformación sindical. No ano 2021 saín elixida secretaria xeral de CC.OO. de Galicia. Outra volta, son a primeira muller que desempeña esta responsabilidade no sindicato, pero tamén a primeira que o ocupa nas organizacións sindicais de clase. A decisión de afrontar as tarefas que leva implícitas foi moi meditada; é inevitable sentir certa vertixe pola encomenda, pero maior é o orgullo de pertencer a unha organización na que a loita pola igualdade pasaba do papel á realidade. Non foi un camiño doado. O sindicato, coma o resto da sociedade, aínda conserva en certos ámbitos vestixios de patriarcado e de machismo.
Dicíame miña nai que de pequena era moi respondona; e na entrevista que me fixo La Voz de Galicia co gallo da miña elección como secretaria xeral apuntaban que son cabezona e persistente. Esas características responden a unha actitude fronte á vida: as inxustizas e as desigualdades marcaron o meu camiño, e as decisións que tomei para encaralas leváronme ata onde me atopo hoxe. Xusto o que dicía Xela Arias.