O barómetro das linguas

María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

11 mar 2023 . Actualizado a las 13:13 h.

Acabamos de coñecer os resultados da cuarta edición do barómetro das linguas, realizado por Alain Calvet e Louis-Jean Calvet, segundo o cal o galego escala, entre as linguas do mundo, desde a posición 44 que ocupaba en 2017 ata a posición 37 que ostenta na actualidade.

A Louis-Jean Calvet debémoslle unha das metáforas máis expresivas para comprendermos o funcionamento mundial das linguas: a teoría gravitacional, segunda a cal os idiomas organízanse dun xeito análogo a como o fan os astros, en sucesivas órbitas, mantendo a súa orde interna pola forza da gravidade. O inglés, como é sabido, ocuparía o posto de lingua hipercentral e, arredor deste punto, orbitan unha serie de linguas centrais e así sucesivamente, de xeito que, cando engadimos idiomas ao noso repertorio, case sempre imos cara ao centro, ou cando menos mantémonos nunha órbita do mesmo rango da nosa lingua; mais é infrecuente que vaiamos cara a outras máis periféricas.

Agora, este barómetro preséntanos outra imaxe: a da escaleira. Por iso podemos falar de escalar ou descender chanzos. E para esa clasificación liñal emprega trece parámetros que comprenden factores coma o número de falantes, o factor vehicular, o estatuto da lingua, as traducións como lingua de partida e lingua meta, a actividade na rede, o ensino no nivel universitario, a presenza internacional, etcétera. Non pode deixar de alegrarnos, daquela, que o estudo deite un resultado mellor ca na edición de 2017 para a posición do galego, sobre todo porque pode rachar con moitos mitos, pois cando falamos de posición 37 (das 634 indexadas) cómpre termos en conta que o número estimado de linguas no mundo, malia todas as dificultades de delimitación, ronda as 7.000. Mais isto mesmo ponnos ante un feito preocupante, a da perda de riqueza e diversidade lingüística e cultural que se está a consumar nesta xeración, algo para o que tamén se ten invocado outra potente metáfora procedente do mundo natural: a da perda da biodiversidade, a das grandes extincións.

Completando as metáforas, e pasando do barómetro ao termómetro, podemos dicir que o mundo, na súa riqueza e diversidade lingüística e cultural, ten febre. Existe aínda, entre nós, unha inmensa riqueza que cómpre preservar e que, desde logo, temos a obriga de documentar. Calquera implicación con esa diversidade pasa polo compromiso co uso da lingua propia en cada territorio: para nós, falarmos galego. Porque entre os trece parámetros hai un que pode comprometer todos os demais: o da transmisión xeracional. Ese debe ser o noso enfoque. Aí é onde nos xogamos a lingua.