Inmunoterapia e cancro

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

Nacho Izquierdo | EFE

12 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Á xente que me di que a ciencia non avanza rápido sempre lle poño o exemplo da inmunoterapia contra o cancro. Trátase dunha técnica que estimula o noso sistema inmunitario (o que defende a nosa saúde contra os axentes que a atacan). Uns dos protagonistas dese sistema son un tipo de glóbulos brancos do sangue (os chamados linfocitos T), que cando se mosquean ante un axente atacante, destrúeno. O problema é que, ás veces, o axente atacante é sixiloso e o linfocito T non se entera. A clave da inmunoterapia está, pois, en conseguir que se mosqueen. 

James Allison levou o Premio Nobel de Medicina en 2018 por descifrar a maneira na que se mosquean os linfocitos T, levando a unha auténtica revolución ao tratamento de varios dos cancros máis letais, ao punto de cambiar notablemente as taxas de supervivencia nun prazo de pouco máis dunha década (o propio Allison, que sufriu tres cancros, beneficiouse do seu propio descubrimento).

Hai unha variante de inmunoterapia que consiste en extraer linfocitos T do noso corpo, reprogramalos para que se mosqueen ante o axente atacante que nos interese eliminar, e volvelos a ceibar no corpo para que fagan o seu traballo. Esta técnica funciona ben con tumores do sangue (leucemias), pero non tanto con tumores sólidos, algo que abordará un proxecto de investigación coordinado polo físico galego José Rivas.

Vai todo tan rápido que esta área de coñecemento está que ferve, con máis de 500 ensaios clínicos en curso e moitos máis proxectos arrancando. Xa verán como en vindeiros anos haberá gratas sorpresas.