Rendidos con Luis Zahera

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Luis Zahera, ganador de un Goya, en la praza do Obradoiro de Santiago
Luis Zahera, ganador de un Goya, en la praza do Obradoiro de Santiago XOAN A. SOLER

14 mar 2023 . Actualizado a las 13:00 h.

Estamos rendidos con Luis Zahera. Tiña gañas de escribir este artigo. El é da estirpe de inmensos actores e actrices do teatro galego que, como a tantos técnicos, guionistas, creadores e empresas, acábaselles quedando pequeno o país porque quen ten que darlles sitio non o fai e quen ten que ampliar as costuras para dárllelo non se compromete politicamente, dende o poder e ás veces tampouco dende a oposición. E magnífico velos como que trunfan fóra, de Madrid a Los Ángeles pasando por Berlín e Cannes, pero eles e elas son a proba de que este país dá para un ecosistema teatral e audiovisual máis complexo e máis extenso.

Como moitos, levo seguindo a Zahera desde que facía de Petróleo en Mareas Vivas e aínda corría máis ben por Luís Castro. Adoito cruzábame con el en Fontiñas mentres facía deporte coa intensidade do profesional, como debe facer todo na vida, cargado de pesos e esforzado ao máximo. Naquel barrio vivía daquela un bo peteiro dos mellores actores da escena galega coma Pico, coma Ernesto Chao e Rosa Álvarez. Recentemente, cando a serie Fariña se converteu nun fenómeno, non poucos colegas universitarios de por España adiante chamábanme para intentar saber dúas cousas. Se a serie era fiel á realidade histórica do narcotráfico e para preguntarme onde estiveran metidos todos eses actores e actrices. Con certa condescendencia viñan preguntarse como era posible que Galicia dera unha pléiade actoral como aquela e como era posible que eles non a coñeceran xa. O certo é que xa daquela levaban tempo por todas partes triunfando nos seus papeis.

Como triunfou Zahera, facendo o seu traballo papeliño a papeliño. Dous goyas como secundario sen lucirse nunca como protagonista din moito do seu traballo e do seu talante profesional. Reclámase da escola de Agustín Magán e leva máis de trinta anos amosando a divisa do seu mestre da entrega en cada anaco de guión, máis ou menos grande, máis ou menos intenso, que lle tocou facer. Algunha vez foi dobrado polo seu acento pero non o cambiou. Falar como falan os de Santiago é unha das cousas que o fai auténtico. Para nos seguirá sendo Petróleo e iso é bo e malo. O eterno debate que persegue a moitos grandes actores é se fai sempre o mesmo papel ou realmente actúa, se só sabe facer de si mesmo ou é versátil, se o encadran nunha caracterización ou é que non pode saír dese rexistro. Por se houbera dúbidas -que non pode- el aclara que fai o que lle poñen e coa maior honestidade, e que a súa aspiración é facer de bo nunha película de amor. Queremos velo!

Ríndome con Luis Zahera, cada día gústame máis o que fai, o que di e, ao descubrir a súa querencia por Stefan Zweig, tamén o que le. Como din agora os raparigos, é un grande, e engado, arrizado en Compostela e en Galicia sen pose nin desleixo. Teño a sensación que aquí no seu país escatimámoslle demasiado o seu valor. Dásenos ben iso ás veces. Sen coñecelo vexo o que nos dá e non vexo que nada nos pida. Merece o noso mellor aplauso. Un grande dos nosos. Un dos nosos grandes.