Cálculos cuánticos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

15 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Informaba La Voz hai pouco sobre a adquisición dun ordenador cuántico para o Cesga e a noticia correu nos ámbitos científicos e tecnolóxicos seguida por comentarios de dúbida sobre o aproveitamento do diñeiro público. En resumo, 14 millóns de euros son moitos para aplicalos nun aparello de inmensa potencia de cálculo, mais de instalación e mantemento complicados e aplicacións —polo momento— restrinxidas. Non vai ser unha máquina lóxica de uso para calquera tipo de tarefas.

Hai cincuenta anos, unha infinidade de equipamentos con lóxica electromecánica eran substituídos polos de lóxica electrónica con axuda dos circuítos integrados en pastillas de silicio, as «cascudas» que hoxe xa son «cempés» polo enorme número de «patas» que teñen. Produciuse unha transición doada e imparable (como a dos motores de explosión ás turbinas na aviación) que nos levou aos superordenadores actuais, coma o Finisterrae do Cesga. E aínda fica moita capacidade de integración —e consecuente aumento de potencia de cálculo— cunha tecnoloxía asentada. Aquilo de «os inventos con gasosa» é covardía científica; ora, cal é a prioridade dun centro de supercomputación? Dar servizos á súa contorna tecno-científica e industrial ou experimentar con dispositivos non fabricados —mais quizais fabricables— nesa contorna?