Tres anos despois do coronavirus

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica unha das preguntas máis comúns en certas empresas de selección de persoal é «que fixo vostede durante a pandemia?», o andazo da covid-19 que con tanta furia castigou a poboación (mundial, española, galega) dende as primeiras semanas do ano 2020, con estados de alarma que nos confinaron durante semanas sen saír de casa nin acudir presencialmente ao traballo. Tal semellaba que se parara o mundo, e en certa maneira era así. Nunca a nosa xeración nin xeracións anteriores viviron unha experiencia semellante. Os nosos pais e os nosos avós viviron guerras. Mais isto era outra cousa. Van alá tres anos daquela experiencia e unha das preguntas que máis formulan os analistas sociais é a que apuntamos máis arriba: que fixo vostedes durante aqueles semanas de encerro?

E aquí veñen os sociólogos e os psicólogos a tirar conclusións. A primeira vítima foi a socialización, ademais das vítimas por defunción ou con secuelas, por suposto, e as perdas de seres queridos, que deixaron marcas moi profundas. Mais en termos colectivos as relacións sociais de carácter físico e persoal, alén do entorno da convivencia familiar, podemos dicir que sufriron unha auténtica conmoción. Conmoción que atinxe ás formas de relacionármonos uns cos outros, protocolos de traballo, consideracións profesionais (a medicina), consumos de ocio, mecánicas de xestión, servizos, etcétera, que nalgúns casos non vai ser doado que volvan ao que foron. Pola contra, as grandes beneficiadas (se podemos dicilo así) foron as tecnoloxías da comunicación, grazas ás cales (tamén cómpre subliñalo) sobrevivimos ás carencias provocadas. Podemos imaxinar os encerros son o alivio desas tecnoloxías?

«E que fixo vostede durante a pandemia?», preguntan os selectores de persoal. Disparáronse os índices de lectura, por exemplo, segundo todos os indicadores do sector, e activáronse os mecanismos de formación persoal. A traxedia maior estaba naqueles que non sabían que facer co seu tempo. Os meirandes conflitos de relación xurdiron no entorno doméstico, obrigadas as persoas a convivir día e noite sen o aliviadoiro do mundo exterior. Medrou a violencia familiar en moitos casos, como consecuencia do anterior. Mais tamén unha nova xerarquía de valores sociais de empatía, xenerosidade, solidariedade, consideración cara a profesións e actividades de servizo (dende asistentes sanitarios a repartidores a domicilio). En contra do que moitos poden pensar, o ser humano, en situacións límite, tende a arrombar a súa dimensión egoísta e activa a dimensión solidaria, entre outras cousas para sobrevivir. Será por iso que os equipos de recursos humanos fan a pregunta. Do que xa non estou tan seguro, atendendo ao tempo presente, é que daquela saísemos mellorados, como anunciaban certos discursos entusiastas. Pasado o día, a romaría segue en termos parecidos.