N-634 O Pino-Aranga: a estrada abandonada

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Centralismo, provincialismo, localismo e vileguismo —se tal palabra serve— son algunhas das razóns polas que a estrada N-634 que une Santiago de Compostela e Donosti, veu converterse, no tramo da Lavacolla ao enlace coa A-6, nunha estrada de casas derrubadas por camións. Gustaría coñecer os datos exactos do número de vehículos empetados en vivendas na última década nese tramo; debe ser estarrecedor. O último, un camión do leite que bateu contra unha casa en Mesía, nunha longa baixada ben sinalizada e cun radar de velocidade. Tanto ten, a sinistralidade non se reduce nesta estrada con medidas preventivas, senón cunha autovía —que ninguén parece disposto a programar— para eses 45 quilómetros de denso tránsito pesado.

A bisbarra toda do Pino a Aranga, pasando por Frades, Mesía, Vilasantar e Curtis, é un dos principais centros produtores de leite e vén de converterse tamén nun centro estratéxico de almacenamento do norte peninsular. O tránsito de camións de leite debe ser dos mais intensos do país. Alén diso, o que fai desta estrada unha rota principal e estratéxica —desatendida— é que artella a comunicación por estrada coa fronteira francesa do centro e sur atlántico de Galicia e parte do litoral norte portugués. Eses 45 quilómetros para enlazar coa A-6 en Guitiriz son a vía máis curta, rápida e barata para chegar á A-8 (Transcantábrica) en Baamonde para todo ese tránsito comercial que circula cara Europa. Ese tramo de estrada do Pino a Guitiriz serve para chegar a Moscú, Estocolmo ou Edimburgo sen saír de autoestradas. A alternativa, percorrer 23 quilómetros máis pola AP-9 de carísimas peaxes, é absurda e conleva un gasto excesivo de combustible para vehículos pesados, pois obriga a baixar ao nivel do mar para ter que subir despois a 500 metros de altitude na Terra Chá. Ningún camioneiro de rota que coñeza a 634 fai ese desvío. A estrada só é un perigo para quen vive ao seu carón e quen ten que usala acotío.

Por que non se planeou nunca a súa conversión en autovía. Deixando a parte os intereses dos concesionarios da AP-9, o centralismo radial, que segue definindo as decisións estratéxicas de comunicación por parte dos gobernos centrais, non actúa a favor da mellora dunha vía transversal, non abonda para explicalo. O provincialismo, que segue imperando nas decisións do Goberno central tanto como nas dunha Xunta que non da saído das catro provincias —polo que é moi difícil que vexa a fronteira francesa—, xoga un papel decisivo. Unir Santiago con Guitiriz non parece importante cando hai que unir Santiago e Lugo. E topamos co localismo lugués e compostelán que só aspira a unha autovía de Santiago a Lugo (Nadela, por ben dicir), e nunca reclamou que se saiba a solución da N-634. Finalmente, o vileguismo das vilas da N-547 (Santiago-Lugo), apoiado aínda ben por un ministro de Fomento dunha delas, deu un investimento fabuloso, a A-54, para unha vía sen máis transito que o local e o do Camiño de Santiago. Tamén serve para saír de Santiago cara Madrid —como non— polo camiño máis longo e inseguro.