Perder a cor

María López Sández
María López Sández LUGO/ LA VOZ

OPINIÓN

12 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

martes pasado, as instalacións do Círculo das Artes da cidade de Lugo acolleu unha conferencia da articulista e psicóloga Alejandra Vallejo-Nágera sobre estrés e ansiedade, sobre o dano que nos causan estas patoloxías e como alteran o noso cerebro ao longo dos anos.

As súas ideas e reflexións lémbranme unha curtametraxe multipremiada e marabillosa, un deses vídeos mudos de animación que agochan un enorme talento e sensibilidade con apenas unhas poucas palarbras.Trátase de Alike e o seu argumento é o seguinte: un neno (ou nena, porque o seu xénero é, acertadamente, indeterminado) e máis o seu pai acoden cada día a un traballo e a un colexio rutineiro e esgotador.

Comezan cada día cheos de cor e ledicia e paran no camiño a escoitar un violinista tocando baixo unha árbore; mais de seguida deben apresurarse ás respectivas obrigas.A alegría inicial, simbolicamente esmagada por unha mochila demasiado pesada, vai esmorecendo. As cores vanse apagando pouco a pouco, e cada vez máis co paso do tempo.

A creatividade do neno, plasmada nos debuxos e as letras de cores con ollos e sorrisos, cede ante a imposición ríxida dunha instrución clásica; a do pai, esmagada por moreas de papeis que debe cubrir infinitamente. Só o reencontro, ao final da xornada, consegue devolverlles a cor… mais cada vez é máis difícil.

O día que o pai, ao ver a tristura e resignación do seu neno, propón ir escoitar ao violinista no oasis de natureza no medio da cidade gris, este desapareceu xa e semella non haber volta atrás. Mais entón é el quen ocupa o seu lugar e ergue no aire un violín imaxinario para reencher de música o aire. Na súa aparente sinxeleza, Alike enfróntanos aos nosos xeitos de vida, fainos pensar sobre o mundo laboral e escolar, sobre o lugar que lle outorgamos á natureza, á creatividade, á arte e aos afectos na vida diaria.

Ao rematar a proxección audiovisual séntese o desexo de erguer os brazos e tocar ese violín imaxinario para reencher de maxia o mundo e as nosas vidas coa súa musicalidade e melodía. E de cuestionar todo o demais do mesmo xeito.