
A nova marea nacionalitaria española afóganos na vella historia de España da Enciclopedia Álvarez, a única que debiamos estudar na ditadura. De tanto ollar para o embigo da España dentro de España que venden Ayuso e os seus aliados arqueofalanxistas, levamos tres décadas esquecendo a historia de Europa do século XX. A viraxe comezou no ministerio de Esperanza Aguirre, cando, pese ás protestas da historia universitaria e apoiándose na sala de bustos da Academia da Historia, mudou a materia de Historia do Mundo Actual do último curso do bacharelato —e da selectividade— por unha Historia de España dende Atapuerca. Lembran a polémica das humanidades? As nacións necesitan historia, un relato común. Con ese apoio dunha memoria colectiva creáronse dende hai dous séculos os estados que coñecemos. En democracia, a historia non está ao servizo do Estado senón da cidadanía, é un coñecemento profesional, un pensamento crítico que aborda os problemas do pasado das sociedades pensando no futuro.
Por que unha historia de España politicamente forzada pasou ser a única historia cursada na madurez académica por todos os estudantes do Estado? Para que tanta historia do Imperio, dos reinos cristiáns medievais ou a teima de comezar en Atapuerca? Ten un sentido, inequívoco e rancio, de identificación do presente cunha longa xenealoxía, inventada ou non, directa ou torcida, na que é máis o que se agocha que o que se explica. Como ben dixeron os responsables políticos desa viraxe: «A historia de España non pode ser unha colección de desgrazas». Quixeron volver á colección de glorias que estudamos na ditadura e así volvemos empaparnos de terzos de Flandes, imperios nos que non se poñía o sol e inquisidores ben intencionados.
Rancio, ahistórico... e perigoso. Toda esa é a materia coa que se construíron os modernos nacionalismos imperiais. Usos e abusos dunha historia na que se esquece o conflito relixioso que levou a grandes matanzas na Europa que hoxe consideramos máis civilizada, capaz de construír, sobre a memoria daquela barbarie, a tolerancia holandesa ou escocesa. Unha historia na que se esquecen os excesos do capitalismo freados pola ética do liberalismo, o reformismo democrático humanista e, especialmente, pola loita social e operaria sindicalista e socialista dende a Revolución francesa.
O problema de estudar só Historia de España é que non queda tempo, como saben alumnado e profesorado, para estudar a historia de Europa do século XX. Para explicar que Hitler non foi un tolo, senón un político de masas, que os campos de concentración conservados son a forma de lembrar a barbarie dos verdugos. Que Holocausto e gulag non foron unha tolemia senón un uso racional, industrial e burocrático das tecnoloxías modernas ao servizo da matanza. Nunca na historia se matara de forma tan eficiente, coa participación de médicos, científicos, enxeñeiros. Coñecer o pasado é a mellor forma de pensar o presente, o pasado nunca se repetirá. Como advertiu Umberto Eco, o fascismo eterno nunca volverá vestido con camisa negra.