A pertinaz sequía

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Julián Pérez | EFE

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As galegas, que gozamos da reuma endémica pola humidade, non acabamos de entender por que España teima en converter en excepción o que é norma desde o Pleistoceno: é un país seco, e fomentar a agricultura que esixe o regadío e o turismo de xente bebendo (auga), nadando en piscinas e xogando ao golf conduce a un colapso tan pertinaz coma a seca. Pero Franco logrou sacarlle rendemento á seca inventando unha epíteto épico —a «pertinaz sequía»— que, de certo, definía España como vítima das pragas que a asolaban. Que facer contra a ira de Deus? Alporizaríase se asumían que este país era case un deserto? Díxolles Deus aos agricultores das rexións máis secas que cultivasen aguacates e fresas e que mudasen as oliveiras de secano polas de regadío?

Disquisicións teolóxicas á parte, o certo é que a pertinaz seca volve ser cuestión política, ou, máis ben, electoral, nesta España en que aquelas ás que nos morren os aloes do balcón por exceso de auga pagamos as estupideces populistas dos políticos do sur. Por non perderen unha Deputación, roubáronlle a Vox o discurso pailán de que cada campesiño faga da súa leira un pandeiro, así acabe o mundo. Así, a conta de que toda España pague a multa milmillonaria, o presidente andaluz legalizou os regadíos ilegais de Doñana, saltando polo morro unha sentenza europea. Se fose un presidente catalán quen fixese iso, Feijoo pediría a aplicación do 155, pero el, que no fin de contas naceu nun encoro franquista, advírtenos de que sabe resolver este problema xa documentado no século XII. Será porque é tan experto en conseguir deputacións coma en gardar segredos. Ou será que reestruturar o modelo económico de media España dá tanta preguiza que é mellor que os meus aloes paguen o capricho de poñer fresas en Doñana.