O fútbol de Arsenio

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

09 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como non vai chover na Coruña se estamos despedindo a Arsenio? Choran as nubes, como unhas veciñas máis. A cidade despide a un dos seus, un home especial. Un superhome, un home natural, que foi colleitando afectos ao longo da súa vida. Temos o corazón encollido. Desde hai un tempo, a normalidade é extraordinaria. Coa súa autenticidade, Arsenio volvía especiais todos os seus actos. Non deixou unha pregunta sen responder, facéndose cargo dos desgustos. Aí radicaba a súa elegancia innata. Estaba sempre, nas malas. As boas... deixáballas aos demais mentres se ausentaba cun sorriso.

Foi moito máis ca un xogador, ca un adestrador. Ensinounos, incluso aos que non eramos seareiros dese deporte, que outro fútbol é posible. O dos humildes, o dos implicados, o dos que levan a educación e o respecto por bandeira, o da sinxeleza, alleo aos artificios, o da boa xente á que a nobreza lle precede. O de Arsenio. Orde e talento. E traballo e talante. Co seu cabelo prateado, era un pouco o avó de todos nós, os que soñamos cun deporte que, ante todo, era corazón. Ti xa sabías que te queríamos. A miña nena pequena pregunta quen era. Dígolle que un home moi bo. Entón ela di que quere que viva sempre con nós. Arsenio agárrase aos corazóns incluso de quen non o coñeceu. Deixa herdanza.

Como non aplaudir a súa bonhomía? Hai que facelo todos a unha, como lle ensinaba aos xogadores, os seus neniños. Grazas, Arsenio. Pola humildade e a grandeza, por ensinar e difundir os valores do deporte. Quedas en nós.