Francisco Fernández del Riego, don Paco, decidiu dar a coñecer unha das súas afeccións e unha das súas capacidades menos coñecidas para o público: a súa dedicación e o seu coñecemento do mar de Galicia. Fernández del Riego, mestre na súa dedicación a Galicia, non quixo deixar pasar a oportunidade de recoller nun ensaio divulgativo o seu saber do mar galego, e el, home de tanta obra e de tanto traballo feito, gustou de publicar A pesca galega. De mar a mar. E publicala no recreado Seminario de Estudos Galegos, Área de Ciencias Mariñas, solidario cunha das arelas e traballos de Isaac Díaz Pardo, o novo Seminario. O libro dedicoullo ao seu amigo, e director, Valentín Paz Andrade, quen tamén publicara no novo Seminario unha edición cun estudo limiar do Ensayo de una Historia de los peces de Cornide.
Don Paco traballou arreo con Valentín Paz Andrade na redacción de Industrias Pesqueras, sobre todo, e mais tamén na de Industria Conservera. E nelas recolléronse os seus traballos de edición e redacción, e mais tamén artigos, traducións e opinións, firmadas moitas baixo pseudónimo, verbo do acontecer pesqueiro que foi entendendo que «pescar era soamente unha metade da meta. A outra metade era a de lle dar ao consumidor produtos acabados e de boa calidade». O traballo nas revistas do mar foi un traballo cotián que lle facilitou ao sector pesqueiro dispor da súa propia información, e dos traballos e innovacións que acontecían noutros mares e noutras industrias.
O libro é unha achega vivencial ao proceso evolutivo da pesca galega, á súa historia, á súa realidade, ás súas contradicións, ás fasquías máis favorables e tamén a aquelas máis magoantes polas oportunidades perdidas. Percorre as opinións dos tratadistas senlleiros da pesca galega, e fai unha achega innovadora ao evolucionar dos estaleiros dende Xelmírez, do papel central daqueles carpinteiros de ribeira na evolución dos barcos da nosa pesca, na pesca en parellas, e das innovacións na flota pesqueira galega que viñeron da man dos estaleiros das rías —Canoa, Llanga, Cardama ou Barreras—, e daqueles outros do norte. Conta das novidades do mexillón, aquel de «crecemento vagacento» noutros mares, ou da ostra e as ameixas, e dos percebes.
Conta da pescada, o abadexo, o bacallau e o bonito ou a entronizada sardiña, a falta aínda do gran libro que a explique. Conta da industria conserveira e conxeladora e dos azos transformadores dos homes do mar de Galicia e tamén daqueles que viñeron de fóra a Galicia. Un libro con fotografías que permiten achegármonos a un mar de antes.
Lembranza hoxe de Francisco Fernández del Riego nas súas Letras, quen aló polo 1973, no seu despacho da Fundación Penzol, aínda na rúa Policarpo Sanz viguesa, guioume cara aos traballos do mar e da pesca de Meixide Pardo, Sáñez Reguart, Díaz de Rábago, Paz Graells, Lois Tobío, Sánchez ou Andreu e todo un mundo que atendeu e entendeu da nosa pesca. A dos galegos.