«Bulos» sobre os okupas

Manuel Mirás Franqueira SENADOR DO PSOE POLA PROVINCIA DA CORUÑA

OPINIÓN

M. M.

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entra en vigor a primeira Lei de Vivenda da democracia española, fundamental para dar resposta ao quinto piar da democracia e cumprir o establecido na Carta Magna de 1978. Dita lei foi aprobada por 134 votos a favor, 117 en contra e unha abstención. No Senado, os votos en contra foron do PP, Vox, PNV e UPN, é dicir, todo o bloque da dereita. Chega con moitos anos de retraso, pois somos o país da UE con menos vivendas sociais, tanto en aluguer como en promoción pública.

Pese aos bulos alentados polo sector político da dereita, así como por sectores minoritarios con intereses moi claros, estamos ante unha boa lei, que toma o mellor doutros países que converteron a vivenda no quinto piar do benestar. A nova norma aborda o problema en toda a súa dimensión e beneficia sobre todo aos máis xoves, con incentivos fiscais diferenciais para o aluguer e para a redución do prezo sobre o contrato anterior, así como a nova tipoloxía asequible incentivada.

Unha das loias ou mentiras que circulan por algúns medios e redes sociais é que a lei favorece aos okupas, metendo medo, creando alarma social á poboación dicindo que prohibe os desafiuzamentos. É falso. Para que non chegue un desafiuzamento inmediato ten que existir un informe dos servizos sociais municipais, que indique que dita familia está pasando por un momento de vulnerabilidade momentáneo.

Esta lei é moi necesaria e para que sexa efectiva deben implicarse o Goberno, as comunidades autónomas e os concellos, para poñer no mercado vivendas sociais asequibles por toda a xeografía española, tanto en zonas tensionadas como na España baleira.

Quero ser contundente co debate sobre a ocupación, pois a dereita meterá máis medo. O inquilino que non paga é un moroso, non un okupa. Esta lei non protexe a quen non quere pagar, pois distingue quen non quere pagar e quen non pode, e é ahí cando actúan os servizos sociais en busca dunha solución.

Esta lei pon a vivenda no centro do debate, despois de moitos anos sen facelo, e pon freo ao crecente afogamento de moitas familias. Pretende a mobilización de vivendas en aluguer e dá seguridade xurídica a inquilinos e propietarios. A dereita española nunca está de acordo coas medidas sociais que o Goberno progresista pon en marcha para favorecer aos máis necesitados, pensionistas e vulnerables; iso si, sempre están dispostos a favorecer aos máis poderosos. É lamentable a cantidade de improperios que se escoitaron no debate de esta lei no Senado; agora ben, se a norma favorecera o que o señor Núñez Feijoo chama xente de ben, bancos e outras personalidades que non vou nomear, a súa actitude sería distinta.