
Hai unha páxina web que propón a importación ao castelán dalgunhas palabras galegas, desas que non teñen equivalente. Como feitiño, xeitoso, chafallada, escarallar, ou, a primeira da lista, unha que utilizabamos nos campos de fútbol cando alguén sen vir a conto largaba o balón á grada: «Deulle unha arroutada».
Onte o presidente Sánchez convocou eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo, sorprendendo mesmo aos seus compañeiros de Ferraz. A decisión tomouna entre o domingo, cando ben entrada a noite soubéronse os resultados, e as 11 da mañá do luns, cando a anunciou. Vese que unha derrota quita máis o sono que coaligarse con Podemos. Despois de ter proclamado mil veces a estabilidade do seu Goberno, as explicacións dadas non semellan moi convincentes: pouco máis dixo que apreciaba a necesidade de «someter o mandato democrático á vontade popular».
É a primeira vez que, sen obriga legal nin aparente necesidade, unhas eleccións se convocan na segunda parte do mes de xullo (por certo, coincidindo coa ponte do Apóstolo, festa en tantos lugares de Galicia e España), con medio país de vacacións ou a piques de collelas. Abre un novo calendario electoral antes de que se peche, dentro de cen días, o das municipais e autonómicas, solapando a tramitación conxunta en fases distintas dos dous procesos. E, o máis importante, os comicios coincidirán coa presidencia española do Consello da UE. Coas Cortes disoltas no primeiro tramo, e cun Goberno en funcións. O novo Executivo, que pode selo novo de todo, no mellor dos casos tomaría posesión en setembro; e no peor, de repetirse as eleccións como en 2019, alongaría a interinidade os seis meses de presidencia. Coa guerra en Ucraína; en plena fase de renegociación da volta ás regras de estabilidade orzamentaria, e sen que a crise inflacionaria estea aínda resolta.
O presidente Sánchez dixo tamén que era a forma que tiña de asumir persoalmente os resultados. Esta explicación resulta máis plausible. Nesa longa noite do domingo debeu pensar que, co feitiño e o xeitoso que son el e o seu Goberno, os resultados foron unha chafallada, indigna de escarallarlle a presidencia do Consello europeo. Deulle unha arroutada e alá imos, ás eleccións. Non hai mal que por ben non veña.