
En canto Núñez Feijoo lle foi ao lombo a Pedro Sánchez por convocar eleccións xerais o próximo 23 de xullo, apareceu nas redes un vídeo moi divertido no que el, co mesmo ton solemne da crítica ao presidente, convocaba eleccións autonómicas o 12 de xullo de 2020. É o que teñen as hemerotecas, fonotecas e videotecas, que as carga o diaño e cando menos o esperas estóupanche nos fociños se es desmemoriado. Por iso o líder do PP, ante os próximos pactos con Vox, debe esperar outra mofa semellante, porque en febreiro de 2020 anunciaba desde a presidencia da Xunta, tamén solemnísimo: «No tengo intención de pactar con Vox, y no lo haré. Es un partido que está contra Galicia». E como a ideoloxía de Vox non cambiou, tan inimigo de Galicia é hoxe como era daquela, Feijoo, ao pactar, moi ben non queda.
Pero en política nada é verdade nin mentira e Vox xa é visto pola dereita como unha formación algo extremista, si, pero nada que ver coas de ERC e Bildu do goberno Frankenstein. Home, con ERC non, que é independentista e Vox antiautonomista; pero coa mesma lóxica que a dereita ve en Bildu unha nova versión de ETA, debería ver en Vox a nova cara do franquismo. E se ningún demócrata pode deixar de condenar os crimes de ETA, tampouco ningún demócrata pode obviar os do franquismo, que son moitísimos máis. E deses, Vox non di nin pío. Conste que as denuncias da feroz represión dos vencidos son cousa do roxerío e de franquistas tan destacados como Pedro Sainz Rodríguez, amigo de Franco e ministro no seu primeiro Goberno, que contou no libro Testimonios y recuerdos como viu a Franco no Estado Maior de Salamanca examinar os expedientes dos condenados a pena de morte en consellos de guerra, para ratificar ou conmutar a condena, mentres almorzaba chocolate con picatostes. Anos despois, díxolle a Manuel Vicent: «Lo que hizo distanciarme del Alzamiento fue la represión. Me pareció una monstruosidad ver a Franco firmando sentencias de muerte».
A mesma escena describiuna Serrano Suñer nas súas Memorias, pero con Franco tomando café, despois de xantar. E para desmontar a falacia de que só ratificaba as penas de morte de criminais de guerra «en casos gravísimos de gran crueldad», cito os de dous colegas meus que na Guerra Civil combateron coas armas da arte e o humor: o xornalista Vicent Miguel Carceller, director da publicación satírica La Traca, e o debuxante Carlos Gómez Carrera Bluff, autor das mellores e máis mordaces caricaturas do invicto Caudillo. Foron executados no cemiterio de Paterna en xuño de 1940.
Os pactos serán para Feijoo almorzos con sapos crus e algún atragantaráselle. Supoño.