![](https://img.lavdg.com/sc/laZ038P8BB11bJGb2O8e52hswrU=/480x/2023/06/16/00121686934922061334660/Foto/j16j3104.jpg)
Non se me ocorre peor lacra social que a da pederastia, nin casos máis arrepiantes que o dos pais que abusan dos propios fillos. E non son escasos. O abuso sexual dos nenos no entorno familiar acada o 80 % e o de pais, padrastos e avós supera o 33 %. En 2020, o Tribunal Supremo alertou da impunidade dos proxenitores polo silencio que impoñen aos fillos e deu unha guía moi completa de como xulgar estes delitos. Era necesaria porque, durante anos, os xuíces temeron condenar a pais denunciados por violación ou estupro cando os seus avogados argumentaban co Síndrome de Alienación Parental, definido como un trastorno infantil que agroma nas familias con custodia conflitiva e leva os nenos a acusar falsamente aos pais
O Síndrome de Alienación Parental foi un invento de Richard Gardner, un psiquiatra e pedófilo norteamericano que se suicidou en 2003. Acudía aos xulgados citado polas defensas de pais pederastas para explicar o síndrome e afirmaba que, en calquera caso, os nenos quedan menos traumatizados polo abuso sexual dos pais que polo proceso legal que afrontan coa denuncia.
E isto último debérono de pensar os deputados de Vox o 20 de maio de 2021 cando no Congreso votaron contra a Lei de Protección da Infancia e a Adolescencia, que conta o prazo de pescripción dos delitos a partir dos 35 anos da vítima e non dos 18, que sinalaba a anterior; e anula o Síndrome de Alienación Parental como argumento da defensa do abusador. Só Vox votou en contra e ademais chamouna «ley Herodes» porque vai contra a familia «y arrebata la inocencia de los pequeños».
Que llelo explique aos homes e mulleres que sufriron abusos sexuais dos proxenitores durante a infancia e ao medrar e facérense adultos padeceron depresión e trastorno de estrés postraumático; descontrol da ira, volcada ao exterior en forma de violencia nos varóns, e en condutas autodestrutivas nas mulleres. Do trastorno psicolóxico dos nenos vítimas da pederastia fala o feito de que o 25 % dos abusadores sexuais foron nenos abusados.
O problema de gobernar en coalición con Vox, como vai facer o PP en Valencia, non está na nostalxia que do franquismo ten a extrema dereita, porque ese é un sentimento compartido por boa parte da dereita non tan extrema; senón na utilización que Vox fai do poder político para tentar trocar leis que chama «liberticidas», como fixo coa do aborto na comunidade de Castilla y León, e pode facer coa de Protección da Infancia en Valencia. A paella boa non é, porque non fai alusión á violencia machista que supuxo o asasinato de 147 mulleres na comunidade e o PP asume a terminoloxía de Vox e chama «violencia intrafamiliar» á violencia de xénero. De momento, Vox fai e o PP traga.