Insensatos ao volante de asuntos públicos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Santi M. Amil

20 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A insensatez axexa aos gobernos democráticos en Europa como en América. En Galicia imos librando do neofalanxismo madrileño porque xa temos o noso propio trumpismo neoiorquino en Ourense, cebalo con acordos non é a mellor receita para o futuro da democracia entre nós.

Que erga a man a quen non lle puxeran nunca unha multa por exceso de velocidade. Poucos quedarían cos brazos baixados. Se preguntamos quen recibiron unha multa de tránsito por iren a máis de 200 quilómetros por hora, moi poucos erguerían a man. Uns porque nin se lles ocorre chegar a tales velocidades, outros porque nin sequera teñen autos que o permitan. Pero sobran dedos dunha man para contar quen foron sancionados por cometer en Galicia esa infracción ao volante dun coche oficial.

Ese exactamente é o caso de quen xa non será presidente da Deputación de Ourense. E seica non unha nin dúas veces. O asunto foi noticia por vía xudicial xusto antes das últimas eleccións e abriu na opinión pública un bo feixe de interrogantes que remataron cunha conclusión: non se pode confiar en quen se pon en risco físico el mesmo e pon aos demais, e menos aínda en quen pon en risco político ao seu propio partido. Finalmente, a insensatez acabou co dominio familiar dunha provincia, despois de trinta anos, pero a costa de asentar no concello das Burgas outro clan experto en comportamentos dubidosos, incluídas multas transferidas a empregados. E todo isto xestionouno o PP, por iso resulta obrigada a pregunta: que foi do que os conservadores chamaban a boa reputación, mesmo as aparencias?

Como demostra a reincidencia, o poderoso destemido afaise a saírse coa súa, e convértese nun perigo. Reinar non lle reina ben, pero o peor é que aínda por riba a insensatez é contaxiosa. Xa dicían as avoas que se imita antes o mal que o ben. Este debe ser o caso porque ao expresidente da Deputación de Ourense saíulle un mal imitador, precisamente o alcalde que se repartira o poder con el. Como o rexedor de Ourense está aprendendo, seica as infraccións e máis as multas son aínda de principiante. Pero agora que lle deron a oportunidade doutro mandato verán como lle dá ao acelerador. O afamado rali de Ourense de Estanislao Reverter leva traza de converterse na carreira Os tolos do volante, daqueles vellos debuxos animados de Hanna-Barbera, nos que destacaban Pierre Non-dou-unha e o seu can Paspán.

Os «audis de Touriño» —que non eran de Touriño— foron convertidos no seu día en protagonistas inesperados dunha exitosa campaña electoral. Esta campaña das municipais acabou sendo para o PP a campaña da multa de Baltar, por méritos propios e sen mediar ningún gabinete de estratexia política. Os asesores dos populares non lograron cambiar de tema en toda a campaña. Agora quixeron cortar o asunto e desfacerse da vella pexa que lastraba o partido en Ourense, pero a un prezo inmediato moi alto, o da credibilidade. E a outro diferido, o de contribuír a acrecentar a insensatez política na Atenas de Galicia.