Luísa Villalta, novo verso atronador

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

María Pedreda

29 jun 2023 . Actualizado a las 17:15 h.

Hai que parabenizar á Real Academia Galega pola escolla, onte xoves, da figura de Luísa Villalta como autora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024. Ao meu entender, non vai haber nin unha soa voz que discrepe desta decisión. Poucas autoras máis queridas que Luísa, escritora e, sobre todo, persoa luminosa. E falo de luz dende a urxencia da noticia, de luz e de Luísa, que escribiu que pensar é escuro. Así titulou o editor Armando Requeixo a súa Poesía Reunida que Galaxia publicou hai uns meses.

Luísa Villalta foise antes de tempo. Deixounos con 47 anos e orfos duns versos que estaban aínda por facer. Nesa curta vida foi quen de publicar libros que forman parte indubidable do mellor do noso canon. Falo de Música reservada (1987), por exemplo, un mollo de poemas onde xa albiscamos a Luísa que nos seguintes poemarios estoupará coma unha bomba atómica de palabras. Aí está, tamén, a súa outra paixón, o seu outro ámbito de coñecemento: a música. Dedicoulle ensaios a esta temática en libros como O outro lado da música. A poesía. Era unha rapaza, prácticamente, cando esta intérprete de violín, outra das súas paixóns explicou, arrancando das cantigas galegoportuguesas e pasando por Cunqueiro, como a poesía e a música son dúas caras da mesma realidade, e que ambas as dúas serven para o mesmo: transcendernos, explicar a beleza, comprender o mundo.

Luísa Villalta é, sobre todo, a poeta da cidade alta, ou sexa, a poeta da Coruña. Comprendeu, e fíxonos comprender aos que somos de fóra, a singularidade da cidade que recende a húmido, a serrín nos bares, a xuventude eterna. Os poemas dedicados á súa cidade destilan a suor dos corpos que saen de noite, dos corpos que se buscan no sexo, dos corpos que son almas. A Coruña pasa a ser un ente vivo e cada edificio un animal dotado de fereza e tenrura, de memorias, todas as da poeta que cantou ao Orzán como se cada palabra fose un anaco do seu corazón desgarrado.

Os que tivemos a sorte de coñecela estamos tamén de parabéns. Sempre se agradece que a unha persoa querida se lle outorgue tan alto recoñecemento. Será, o 2024, a diferencia doutros anos máis, digamos, mornos, un ano intenso, nas escolas, nas librarías, no conxunto da sociedade, grazas á escolla afortunada da RAG. Acertan, xa o dixen ao comezo, apostando por ela. Nestes intres nos que o galego esmorece entre a mocidade, ofrecerlles a posibilidade de ler a unha autora tan próxima, moderna, verdadeira, é para que esteamos contentas e contentos. Porque Luísa está viva cada vez que abrimos un dos seus poemarios, un ensaio, as súas obras de teatro. Porque a súa poesía era igual de viva. Luísa Villalta é digna herdeira de Rosalía de Castro, que explicou que non hai que falar das pombas e das flores, senón da vida. E Luísa compuña versos de vida. Esa que se lle arrebatou tan noviña.

Galicia está de festa. E a lexión de admiradores que somos, iso, lexión, de festa con ela. Grazas á Real Academia por este agasallo que, no fondo, é un agasallo para todos Nós.