Programa: derrogalo todo ou non

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Angeles Visdomine | EFE

04 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa de Feijoo de derrogar o sanchismo pode ser oportunista, mesmo oportuno para intentar gañar unhas eleccións, pero é perigoso. A democracia non funcionou nin funciona derrogando senón reconstruíndo, cambiando, adaptando, perfeccionando. En España só na educación se practicou a derrogación, por iso ostentamos o récord de cambios de leis de educación, segundo o Goberno de quenda, coas consecuencias que coñecemos: desorganización e resultados moito peores en primaria e secundaria do que corresponde. Derrogalo todo é pouco compatible coa estabilidade que acompaña ás democracias contemporáneas. Por iso sempre lles acaen mellor os grandes conservadores que os derrogadores oportunistas. Lembremos: Rajoy nunca derrogou a Lei de Memoria Histórica de Zapatero, aínda que «non lle deu un euro» porque a maioría do seu partido sentíase incómodo con ela. Rajoy foi máis maduro que o seu partido neste asunto de recoñecemento das vítimas do franquismo e por iso Sánchez puido retomar aquela lei sen os contratempos da descontinuidade legal.

A obsesión derrogativa de Feijoo nesta campaña é pura influencia dos neofalanxistas. Non é para contentalos, máis ben é unha contaminación da súa forma de combate ideolóxico nunha dereita tan ansiosa por chegar ao poder que non lle importa asumir de forma oportunista ideas que non eran súas. A mancha de contaminación esténdese por todas partes segundo o PP vai asinando acordos cos neofalanxistas, con cesións a favor das súas obsesións antidemocráticas, limitadoras do pluralismo ou negacionistas: a obsesión coas linguas oficiais diferentes do castelán fan gracia, se non foran ansia de imperio perdido. A obsesión cos carrís bicis é infantil, pero lembra a forma de combater o dereito ao aborto ou á eutanasia: o que eles non queren non están dispostos a permitírllelo aos demais.

Do machismo rampante que acompaña ao sarampelo derrogador vanse dando conta non poucas mulleres e moitos homes do PP da miña xeración. Derrogar o que aprobou Bildu é unha fatada que lembra aquel principio de contaxio tan propio da cultura política franquista do anti e do pro. A dos inimigos interiores, xudeus, ladinos, mouriscos, protestantes, tan arraigados na cultura contrarreformista castelá e no españolismo imperialista que inventou no século XX o concepto da anti-España.

Derrogar todo e volver ao pasado. Ese vento zoa de novo neste tempo e compre saber de onde vén e que intensidade ten. Pouca, moi pouca, de non ser polos azos que lle dea o Partido Popular.

Nesta nova fase da campaña semella que Feijoo deixou de ser o grande derrogador para ir explicando por onde pode todo o que vai deixar sen derrogar: a reforma laboral, os impostos á banca... Aplicar a lei do péndulo non é a mellor credencial para un político e menos en campaña. Só demostra falta de criterio e fai desconfiar ao electorado.

Esta campaña debería facer pensar a quen gañe as eleccións que a multiplicación de leis ordenancistas, das que non se pode asegurar o cumprimento, non é a mellor forma de gobernar.