
Aceptando o reto do catedrático de Economía Santiago Lago, penso que é grande idea falarmos de Joám Lopes Facal, enxeñeiro, economista e político galego, segundo a orde de preferencia que lle dá Wikipedia. Hai un par de días, o amigo Santi escribiu con tino que un país que se prece ten que render tributo a quen na súa traxectoria vital traballou arreo mirando máis aló da súa conta de resultados persoal. Persoas que contribúen a que a casa de todos sexa mellor. Fago miñas as súas doutas verbas.
A definición de Xan é a do cidadán político que é un recoñecido profesional, no seu caso, no campo da empresa e a economía, como podería ser fresador ou mariñeiro. Non encaixa no político profesional, perfil que tampouco ten nada de censurable, pero que no seu caso simplemente non foi posible, porque como mozo demócrata nado en 1940, non tería sido nunca un político da ditadura. Enxeñeiro directivo de empresas primeiro, director económico-financeiro de Sodiga despois, estivo detrás da construción dunha moderna economía empresarial galega, á vez que dende o seu antifranquismo de esquerda nacionalista construía ferramentas políticas partidarias como EG e institucionais como o actual Estatuto de Autonomía, facendo parte da Comisión dos 16 e traballando despois como deputado do PSG-EG. Non é cousa de abondar na súa finura analítica ou na capacidade para situar ao máximo nivel europeo o pensamento da esquerda en Galicia. Cómpre, si, mencionar a súa xenerosidade intelectual e política, cunha vontade de aportar ao debate político, académico, e intelectual do seu país que non ten moito parangón. Nos últimos tempos como doutor en Economía e profesor asociado da USC, e sempre como articulista.
Agradécese que un reputado catedrático de Economía traia a figura de Xan Facal ao plano público na derradeira semana desta campaña electoral. A imaxe dun político modélico, entregado ao servizo público directo como tocou, clandestinamente ou institucionalmente e sempre coas armas da súa profesión e as destrezas do seu coñecemento económico. Un referente da democracia galega actual e da europea.
Nesta campaña electoral desesperada, construída de enganos preparados e oportunistas montados en carruseis psicolóxicos, nun tempo de confusión de valores temeroso do futuro, a simple mención de Joám Lopes Facal é un asubío de cordura e unha pancada de certeza democrática á que agarrarse.
Un demócrata amante das liberdades e do pluralismo cando algúns propoñen recortalas; un nacionalista galego que combateu a LOHPA agora que se propón recentralizar, limitar e unificar; un socialista da igualdade, empeñado en deixar superadas pola historia, as diferenzas entre socialistas e comunistas. Un galeguizador monolingüe, lusófilo e políglota agora que ata o bilingüismo está ameazado. Un universalista e pacifista en tempos de «españoles normales». Un político de esquerdas respectado pola dereita que buscaba o respecto dos de esquerdas que traían a democracia. Un referente cultural, agora que a extrema dereita italiana quere apropiarse de Gramsci.