De carro entornado sobran carrilleiras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Alberto Ortega | EUROPAPRESS

25 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O dito do título ten que pensarse para entenderse. Hai tempo que os carros do país non forman parte do sistema de transporte, pero o bo é que o 80 % dos habitantes de Galicia poden preguntarlle aos seus pais ou ás súas avoas o significado da frase. Cando os carros de vacas baixaban do monte cargados de molido non era infrecuente que entornaran nas corredoiras e congostras, se despois pasaba algún veciño dando consellos de por onde era mellor ter baixado para evitar entornar o carro, a resposta do que sufrira o accidente era adoito a frase do título. O significado paisano da frase cobra sentido despois das eleccións do domingo. O carro do PP entornou no último tramo do camiño polo que baixaba cargado de votos cara a Moncloa. Agora, os mesmos que deron por feito o triunfo, os que xustificaron o pacto coa extrema dereita, os que naturalizaron as políticas neofranquistas de Vox, os mesmos que demonizaron e ridiculizaron a Pedro Sánchez e fixeron mangas e capirotes dun goberno lexítimo, darán argumentos e leccións do que tiña que ter feito Feijoo. A presión non puido ser máis intensa, nin as apostas ideolóxicas máis arriscadas, pero o que o PP gañaba por un lado perdíao polo outro.

Gañar un debate ao comezo e non comparecer no seguinte acabou por entornarlle a Feijoo o carro dos votos. Aos seus asesores sobroulles tacticismo superficial e faltoulles sentido da historia. A demoscopia non atina en conxunturas inestables, non hai prospección atinada sen estruturas estables. Estamos en tempos moi líquidos nos que de fondo circula e resiste a cultura baseada na memoria colectiva. Cando o Podemos de Pablo Iglesias desprezou ao PSOE os seus votantes reaxiron, agora o PP de Feijoo minusvalorou a vontade dos votantes de esquerdas de impedir que «a extrema dereita entrara nun Goberno de España por primeira vez dende a morte de Franco». A frase tómoa prestada da información do The Daily Telegraph. Mesmo para a memoria dos conservadores británicos ese era un salto mortal. E non se deu. Apenas houbo voto branco ou nulo.

A Feijoo quédalle reafirmar, coa mesma escasa convicción que na noite electoral, a súa doutrina do partido máis votado, coma os slogans máis perigosos da súa campaña sobre que non se pode votar no verán e debe logo suspenderse a democracia en xullo e agosto, as dúbidas sobre o traballo de Correos e a novidade de que se non o votan a el, bloquean España. Constitucionalmente non hai fallo: quen acada o apoio da maioría absoluta dos deputados en primeira votación ou da maioría simple en segunda é investido presidente. Os votantes non lle deron a maioría e o Parlamento non lle vai regalar a investidura.

Hoxe, día grande de Galicia, Día da Patria Galega, o dito do título ten aínda mais significado. A corredoira fonda e estreita que levaba á Moncloa ficou choída porque o carro do PP entornou. A Feijoo só lle queda manter o carro entornado choendo a todos os demais que baixan cargados de votos. Veremos se para estes sobran ou non carrilleiras.