Día de Galicia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Bandera de Galicia.
Bandera de Galicia. MARCOS MÍGUEZ

27 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de xullo é o Día Nacional de Galicia. A celebración debémoslla ás Irmandades da Fala. Non podía ter unha orixe máis significativa. Somos irmáns da fala, e irmáns de fala. Ou non o somos? Un irmán non é só de sangue. Tamén o é a persoa coa que compartimos orixe, intereses ou ideais. Trátase de fraternidade. Os pobos deberan manterse unidos por este sentimento. Mais ultimamente andamos encerellados en demasiadas leas, moitas delas sobre a nosa identidade. Oxalá fosen discusións, no sentido de debater, pois para isto sería necesario tratar o mesmo asunto desde distintos puntos de vista. A lea, pola contra, é un enredo, unha maraña, unha mestura desordenada (e moitas veces maliciosa) que cada vez é máis difícil de resolver, de separar. Unha comunidade debera permanecer unida, aínda que para iso ás veces debamos distinguir (e apartar) o gran da palla e, ademais, afastar o lixo.

O Día de Galicia xurdiu pola necesidade de festexarnos como pobo. Foi todo un logro poder facelo sen recorrer á clandestinidade. Non queiramos volver a ela. Sintámonos orgullosos de ser galegos, con todo o que iso significa: posuír unha terra, unha lingua, un patrimonio e unha cultura propias. O noso deber é mantelas vivas, en perfecto estado de saúde, no máis alto da nosa consideración. O Día de Galicia non pode ser outro ca todos e cada un dos nosos días.