A alcaldesa e a ofrenda

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, do BNG, non asistiu á misa do Apóstolo e celebrou un acto civil que chamou Alba de Gloria en lembranza do discurso pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948. As dúas iniciativas recibiron críticas da oposición. Severas a primeira, porque a alcaldesa é de todos os cidadáns, crentes e non crentes, e iso obrígaa a comparecer; e benévolas a segunda porque a PP e PSOE parécelles ben, a condición de non facela na mesma data. Eu non vexo motivo de crítica en ningunha. A alcaldesa é de todos, si; pero por que ha de compracer aos crentes e non aos non crentes se ela non é? Se fose alcaldesa de Medinaceli, para non agraviar aos organizadores debería asistir á festa en que poñen lume nos cornos dun touro? Claro que a misa do Apóstolo non é comparable a esta barbaridade, pero o argumento de que a alcaldesa debe participar por selo da cidadanía, ou vale nos dous casos ou non vale en ningún. Eu coido que non vale en ningún e engado unha convicción persoal: por respecto á xente de fe e sobre todo por respecto ao Cristo, á misa non hai que asistir; na misa hai que participar. E iso faino quen pode.

Eu asistín nos anos setenta á misa que por Rosalía se facía cada 25 de xullo en San Domingos de Bonaval. Era en galego e nela coincidiamos galeguistas de distintas xeracións chegados de lugares diversos, e moitos só nos viamos ese día. Agora, cando tantos me faltan, lembro con emoción a ledicia daqueles encontros; pero tamén o incómodo que me sentía no acto relixioso. Ante a devoción dos crentes, eu era un intruso, un profanador. De asistir á misa do Apóstolo, a alcaldesa non podería ficar, coma min, de pé no fondo do templo, e tería que facer seu o ritual eucarístico, desacougante para o non católico, a non ser que acuda ao acto litúrxico máis importante do catolicismo coa mesma predisposición que a un partido de pimpón; como fan, sen dúbida, moitos que a censuran.

Un estado aconfesional non debería celebrar a ofrenda de España ao Apóstolo. Suspendeuna en 1931 o Goberno republicano, e nin sequera se restableceu no bienio do Goberno Lerroux—CEDA. Aquela dereita respectou a Constitución. Despois que a restaurase Franco en 1937 e de que durante a Guerra Civil e boa parte da ditadura, oferentes e bispos presentasen o Caudillo coma o novo apóstolo e os roxos coma os novos sarracenos, hoxe, en democracia, a Constitución non a respecta ninguén.

Por iso entendo á alcaldesa e gústame que actuase en conciencia e non dixese: «Compostela ben vale unha misa».