
Nas últimas eleccións no Estado español parece que foi freada unha marea de extrema dereita que viña avanzando en Europa. Na última década, unha especie de fascismo biónico veu estendéndose de Polonia a Italia, Francia está claramente ameazada, en Suecia e Alemaña está petando nas portas dos gobernos, en Hungría está consolidado. A crise económica de hai quince anos, as consecuencias das medidas contra a crise ambiental, o pulo autoritario ruso e o éxito económico chinés son algúns dos factores que cuestionan a democracia, a extrema dereita é a que cataliza neste tempo ese descontento nas democracias europeas e americanas. Unha especie de fascismo biónico que lembra o de hai cen anos, pero con compoñentes aparentemente alteradas ou substituídas por ideas como a liberdade e con modernidades tecnolóxicas ou comunicativas, propias deste tempo, que á vez que desfiguran o seu autoritarismo antiliberal fano máis disimulado e eficaz.
A dereita democrática europea con memoria da última guerra alegrouse do resultado español e máis que ninguén, vista a reacción dos seus diarios, alegráronse os conservadores británicos. Mentres, en España, algúns medios identifican os berros de «non pasarán» diante da sede do PSOE en Ferraz co lema dun bando da Guerra Civil e danlle á teima do guerracivilismo como un mal español. A falta de memoria democrática partillada e o dominio —non recoñecido— da memoria da ditadura ten estas cousas de identificalo con Pasionaria e un bando da guerra española. Descoñecese que o «non pasarán» tamén foi un berro popular dos aliados na Segunda Guerra Mundial: a memoria americana ou británica identificouno coa república democrática, aquel que aquí, no Estado español, aínda ten unha memoria máis fraca que en Hollywood. Poden comprobalo na clásica Casablanca ou na recentísima Oppenheimer. Certamente, a memoria colectiva non depende dunha lei, senón de que a democracia logre superar a memoria inoculada en corenta anos de ditadura. Nunca funciona sacar o pasado da ecuación que define o comportamento democrático do electorado e por iso erraron tantísimo os analistas e os prognosticadores de futuros políticos en España.
O fenómeno da extrema dereita é mundial e sobre todo europeo. Unha reacción ás incertezas dun tempo que dubida do futuro, ás mudanzas das últimas décadas: ao avance feminista, á revolución dos sexos, á inmigración imparable produto da globalización dos mercados, ao fracaso do neoliberalismo. Agarrarse ás seguridades do vello imperio, da vella familia, da camisa vella é a súa angueira desesperada.
A alianza PP-Vox non debe verse só no raquítico plano da España dentro da España, nin sequera no ameazado marco autonómico. Debe entenderse no marco peninsular con Portugal e no europeo no que a Península está actuando: excepción ibérica, infraestruturas. O trunfo desa alianza significaría menos Europa política e dos cidadáns, pero tamén menos mercado europeo e máis trabas fronteirizas. Non abondan o brexit e Hungría para demostralo? Necesitamos escoitarllo a Esperanza Aguirre?