Desapareceu o covid? Vai a máis

Sonia Villapol
Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO HOUSTON METHODIST WEILL CORNELL MEDICAL COLLEGE (TEXAS, EE.UU.) E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

LUIS GANDARILLAS | EFE

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi lonxe de desaparecer, a vixilancia xenómica mostrou que a última subvariante de omicron, a EG.5, medrou dun 1 % a un 17 % nas últimas dúas semanas nos EE.UU., un pico que non se observaba desde xaneiro. As hospitalizacións por covid son moi baixas en comparación cos números observados durante a pandemia, pero están en aumento. En España, os datos que hai rexistrados do Ministerio de Sanidade son do mes de xuño, mostrando unha diminución, pero non se actualizaron dende aquela. Só sabemos que a venta dos test de antíxenos nas farmacias duplicouse nas últimas dúas semanas. A subida de casos durante o verán pode deberse ao aumento das viaxes, a diminución da inmunidade e outros factores. Así que, de novo, non hai que entrar en pánico, pero é o momento idóneo para ter coidado protexéndose, especialmente se tes un risco elevado ou vives ou traballas con alguén que teña un alto risco; usar as máscaras podería ser recomendado aínda que dende as institucións non o indiquen. As persoas con riscos que se collan o covid, recoméndase que acudan ao médico porque agora hai medicamentos específicos que poden axudar.

 Ben é certo que estamos en agosto, e gozar das vacacións é o primordial, xa bastante temos co cansazo político como para volver a pensar no covid; quen quere escoitar diso outra vez cando todo o mundo xa a deu a pandemia por rematada? Precisamente porque a memoria é feble, cómpre non esquecer os feitos e tentar sacar unha aprendizaxe acordándonos do que se fixo ben porque non sabemos cando teremos que aplicar estas medidas de novo. A implementación das políticas pouco comprometidas coas evidencias científicas non nos rescatou da pandemia, foi a ciencia que aflorou grazas ao esforzo global e o apoio necesario. Precisaba facer balance do vivido e quixen escribir unha guía das fortalezas que me publicou Xerais: ConSciencia: A ciencia que nos rescatou da pandemia. Neste libro recollo as investigacións científicas que nos axudaron e seguen axudando a saír do impacto dun virus que dobregou a humanidade. Non só nos enfrontamos a unha pandemia, tamén a unha infodemia de falsas novas que provocaron escepticismo nas vacinas, nos tratamentos, nas máscaras ou mesmo no propio virus. Aflorou moito lixo na sociedade onde as persoas máis débiles foron as máis afectadas. Sen dúbida vivimos un fito histórico que nos deixou pegada. Levou moitas vidas deixando orfos, viúvas ou nais sen fillos. Causou un dano socioeconómico tremendo e puxo de relevo as debilidades dos sistemas de saúde. A herdanza da pandemia é a covid persistente, da que aínda seguimos a investigar os síntomas, bos diagnósticos ou terapias. Se algo quedou claro é que sen a ciencia aplicada a conciencia, o custo de saír da pandemia sería moito maior. Aprendemos moito e hai que usalo para afrontar o futuro que veña e evitar cometer os mesmos erros. Da importancia da boa alimentación e do exercicio que reforcen a inmunidade e protexan a saúde mental. Deberíanse de seguir coa vixilancia epidemiolóxica das augas residuais para estar alerta da presenza de calquera enfermidade infecciosa na comunidade e así tomar medidas de control e prevención axeitadas. Comezar a usar a medicina de precisión e personalizada para aplicar tratamentos acorde co xénero, a idade, a raza, a xenética ou a microbiota de cada quen. Nos vindeiros anos, chegarán por fin os tratamentos para enfermidades neurolóxicas e para certos cancros que agora non teñen cura aplicando a ferramenta da nanomedicina, tal e como se fixo coas vacinas de ARN contra o covid. Nos edificios filtrarase o aire ou usarase a ventilación natural ou mecánica para evitar contaxios en interiores moi concorridos, e o teletraballo será algo máis habitual para mellorar a produtividade laboral. Aplicarase a intelixencia artificial á práctica clínica para evitar os erros de diagnóstico, cirurxías ou tratamentos.

Pensaremos nunha sociedade comprometida que aplica o coñecemento científico e os avances tecnolóxicos a conciencia afrontando os desafíos que realmente nos afectan para a mellora da nosa saúde e calidade de vida.