
Despois do éxito nas eleccións municipais, o resultado das xerais debeu saber a pouco no BNG, aínda que foi a organización que máis medrou en porcentaxe de votos respecto das anteriores xerais. Porén imaxino que quen pense no futuro e nas vindeiras eleccións galegas estará a preguntarse porque nun mes mudaron tanto os votos ao Bloque, por exemplo en Compostela, como para pasar de facer alcaldesa a Goretti Sanmartín a situar a candidatura ao Congreso na cuarta posición.
É ben sabido, ou debera selo, que o electorado muda de papeleta segundo o tipo de elección, tamén que a base da fidelidade do voto é moi diferente segundo os partidos, moi alta no caso do PP e moi pouco no caso de Sumar e os seus precedentes. Emporiso máis que pensar en fidelizar voto, supoño que a pregunta apropiada será porque algunhas candidatas do BNG nas municipais e nas galegas logran superar a confianza adoita e agrupar tanta nova adhesión. Ben sei que todo isto está preguntado, razoado e explicado, pero teño para min que non forma parte do debate público, como si acontece co resto dos partidos. Non sei se esa ausencia de debate público sobre o BNG é unha anomalía ou un intento de evitar naturalizalo como opción de goberno.
Tamén é certo que, igual noutros partidos, no BNG parece haber un sector que está pouco cómodo no debate público, que identifica unidade con só falar de portas para dentro. Pero que o Bloque logre trunfar nas vindeiras eleccións galegas, confirmando a orientación que leva, vai ter que ver con que sexa recoñecido como un partido dos seus votantes e non só dos seus militantes. Ana Pontón semella que xa o logrou, agora tócalle logralo á organización e candidaturas.
Non é tan doado. Primeiro porque o BNG é temido —con razón ou sen ela— por moitos sectores, nos que xera unha prevención que se converte en desconfianza e adoito en mala prensa. Superar esa primeira dificultade xa require de moitas doses de sabedoría e bo facer que o Bloque despregou no pasado e volve despregar hoxe.
Segundo, porque unha parte desa desconfianza non ten que ver co que é, unha organización nacionalista e de esquerdas, homologable a calquera outra do Estado español, senón co que a algúns dos seus detractores lles gustaría que fose: un partido pouco afín á democracia pluralista, ancorado nos marcos ideolóxicos da Guerra Fría. Para o que sempre hai quen da argumentos, incapaz de recoñecer que non hai guerra fría, que xa non existe a URSS, que o maoísmo finou e que o capitalismo globalizado de clan ou de Estado é unha nova cara do colonialismo que avanza destruíndo o planeta.
A diferenza do PSOE ou Sumar, que responden a polas ideolóxicas máis definidas, ao BNG pásalle no nacionalismo de esquerdas —salvando as distancias— como ao PP na dereita galega: ao agrupalo todo no seu campo, son organizacións moi plurais e cunha gran variedade ideolóxica interna, ás veces case contraditoria. Por iso, en ambos os dous casos a unidade é un valor que raia na opacidade, pero dende a oposición non hai avance democrático sen debate mediático e sen mobilización social.