Non foi o mellor mes. Repaso as últimas semanas e o panorama non está para botar foguetes. Putin, Ucraína, as pateras no Mediterráneo, Lampedusa, Trump, a violencia en Ecuador e noutros Estados de Hispanoamérica, golpes de militares en África (dez levantamentos castrenses en catro anos), a devastación do cambio climático, que moitos seguen sen querer ver, medio mundo a arder, a impotencia das democracias occidentais, o egoísmo do capital (incapaz de ceder un céntimo de beneficio), a escalada constante de feminicidios, a retórica polarizada dos discursos políticos… Do discurso político teño experiencias persoais pouco consoladoras. Vellos amigos, cos que tiñamos relación de moitos anos, trucaban entre si cunha furia certamente desmedida, implacables. Nunca imaxinei que un contra outro puidesen dicir aquelas cousas. Cando acabou o combate (dialéctico) preguntei como era posible que a discusión non puidese realizarse noutros termos. O máis veterano resolveu cunha frase: «Estamos a facer política». E eu quedei coma un parvo, porque, para min, a política era precisamente o contrario do que acababa de presenciar. As palabras non son inocentes. «Quen sementa ventos recolle tempestades», din os clásicos. Lendo a prensa, repasando os medios, teño a sensación de que andan os ventos desatados.
E ás veces teño tamén a sensación de que, dende os medios, os que temos responsabilidade (e oportunidade) de dirixirnos á opinión pública, algunha culpa deberiamos asumir. Hai unha tendencia peligrosísima de convertelo todo en espectáculo, a información como un produto máis de consumo. Na loita polas audiencias parece que todo vale. Velaí o caso Rubiales.
O que debería ser transparente: o abuso de poder dun xerarca contra unha empregada, ademais doutras formas de comportamento impresentables (pois as formas, igual que as palabras, tamén teñen significado), pode acabar converténdose nun circo, sen que ninguén tire as conclusións de fondo que deberían importarnos: os dereitos da muller son os dereitos das persoas, por riba de xénero e condición. O século XXI é o século da definitiva conquista da presenza activa (e igualitaria) da muller na Historia. A actuación das xogadoras no campionato de fútbol é a imaxe viva dunha realidade irreversible que se vén manifestando en cada vez máis ámbitos sociais (polo menos en Occidente): o protagonismo da muller con todas as consecuencias. Aínda que tarde. Aínda que xurdan resistencias e mesmo esteamos a pagar un alto prezo (sobre todo, elas). A violencia de xénero non é máis que a incapacidade do macho para recoñecer esta realidade. Tal é algún alento de optimismo que estas semanas trouxeron: a significación da muller, avanzando. O outro é a volta ao colexio, que tanto nos tardaba na nosa infancia en chegando estas datas. Disto falarei noutra oportunidade.