
Estes días e semanas de setembro, ata a primeira sesión de investidura prevista, á que se presenta Alberto Núñez Feijoo, vanse facer longos; vanse ir enchendo de reportaxes, de campañas, de eslogans, de trapalladas, polo medio cada quen vai ir intentando colocar as súas mensaxes, moitas contraditorias entre si. En parte trátase diso, de facer unha longa espera que hai que ir enchendo. Os estrategas e expertos en márketing político que asesoran o candidato necesitan tempo para darlle a volta á situación saída das eleccións.
Unha desas mensaxes ten que ver coa igualdade dos españois á que vén aludindo repetidamente o candidato á presidencia do Goberno de España, inevitablemente contraditoria coa propia lóxica dunha estrutura política territorial organizada en comunidades autónomas que outorgan capacidade política de goberno e iniciativa lexislativa parlamentaria a cada unha das comunidades constituídas en derivación do marco constitucional. Contraditoria tamén coa intención política do candidato de conversar cos presidentes dos gobernos autonómicos e máis aínda con establecer un diálogo cos partidos que teñen obediencia restrinxida a territorios digamos subestatais, por facer unha descrición aparentemente aséptica.
Sinalar a contradición —esta ou outra— non serve máis que para sacudir a tona das neuronas e contentar algúns seres de espírito pauliño. O de menos é a contradición, na que sempre se manexa ben Feijoo porque é o sal do seu cocido. O de máis é a imposibilidade política e histórica desa igualdade. A igualdade diante da lei produce efectos diferentes segundo as culturas, os territorios, as condicións e os tempos. Só a lóxica liberal revolucionaria francesa do século XIX, que hoxe seguimos coñecendo como xacobina, intentou esa igualdade á forza e logrouno en moitos casos. Logrouno na construción daquela nova nación sobre as ruínas do antigo, tanto como fracasou en España sobre as ruínas do Antigo Réxime e o vello Imperio.
A España cústalle moito ser nación e, pese aos intentos de Primo de Rivera, hai agora mesmo cen anos e os posteriores, tamén militares por suposto, o español segue sendo un Estado plurinacional. Se algo pode deducirse da historia da España contemporánea é ese carácter plural en territorios, culturas, sociedades, linguas e dereitos. Por debaixo, unha pluralidade ambiental e bioxeográfica que evidencia en que medida os límites da natureza non son os dos Estados. Un asunto que cara o futuro terá aínda moita máis importancia que no pasado. Pasaron os tempos nos que o xacobinismo foi posible.
As unitarias leis de montes ou de desamortización dos liberais do século XIX deron solucións diferentes nos territorios por mor desas diversidades ambientais e sociais. Hoxe non se pode sequera lexislar unitariamente procesos e lóxicas diferentes. A non ser que, como no século XIX, a ideoloxía centralista queira construír unha inexistente nación unitaria agredindo lóxicas e consensos sociais e forzando estruturas e territorios. O neocentralismo inventa pasados e relé a Constitución sen mirala.