
En todas as épocas vén sendo un tópico dicir que os tempos son convulsos. Seguramente ten que ver con que a percepción que temos do presente é sempre problemática, mentres que a memoria tende a edulcorar as lembranzas do pasado.
No preludio da democracia expresáronse dúas formas de entender a transición. A chamada Platajunta achou a fórmula para unir a oposición ao franquismo. A implicación da cidadanía foi masiva, nunca houbo un alento tan unánime detrás dos políticos. Lembro un parlamentarismo «duro» que puiden vivir durante un breve período, pero había tamén serenidade para eludir as posicións máis radicais. Como se pode tildar despectivamente aquel período de plenitude como «Réxime do 78», obviando as circunstancias que marcaron o contexto sociopolítico?
A democracia que inaugurou o século XXI tivo que enfrontarse a unha sociedade distinta, con outras formas de relación, e dar resposta ás demandas de diversidade. Había que lexislar sobre a inclusión das persoas con discapacidade, a violencia de xénero e a igualdade de xénero, a memoria histórica, a vivenda…, aínda carecendo ás veces de mecanismos de xestión suficientes para un aparato lexislativo tan prolixo.
Ao día de hoxe, tranquiliza ver os líderes europeos reunidos en torno a unha mesa para falar da guerra e as migracións, o cambio climático e a transición enerxética, o binomio da pobreza e a superpoboación que compromete o difícil equilibrio entre bloques. Mentres, en España, diríase que no Parlamento falta vontade de escoitar o opoñente e responder con argumentos convincentes; recórrese con demasiada frecuencia ao insulto e a acusación de mentir, esaxérase deliberadamente como se fose un teatro do absurdo para espectadores necios. Iso, quéirase ou non, repercute no estado da opinión pública, que se vai dividindo pouco a pouco en bloques incomunicados. A confrontación política vólvese agresiva e impide sentarse sequera para aproximar posturas sobre as grandes cuestións constitucionais ou europeas.
Un tempo novo chama á porta. A investigación científica e tecnolóxica, tan proveitosa, vai parella cunha intelixencia artificial con brotes de ficción. Teño a sensación de que a práctica democrática deberá enfrontarse a curto prazo á conxugación da crúa realidade e o artificio, e traer consigo un novo código ético para relacionar política, sociedade e economía.
Vale a pena sermos conscientes de que seguimos transitando desde hai catro décadas, cun balance moito máis positivo ca negativo, e reivindicar así as boas prácticas na política.