A Conferencia Episcopal e a amnistía

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

14 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ver para crer: a Conferencia Episcopal española convertida en tribunal da xusta vinganza. Si, igual que en 1936 defenderon a guerra xusta, hoxe os bispos defenden a lei do talión. A actitude moi cristiá non é, pero o portavoz da Conferencia Episcopal, monseñor García Magán, respondeu recentemente a pregunta dun xornalista sobre a probable amnistía do Goberno aos encausados polo procés —que son máis de 1.400—, dicindo que «es bueno para todos el respeto a la legalidad vigente y al orden constitucional». Noutras palabras: tribunais de xustiza, cumprimento de penas, e de amnistía tararí que te vi.

 Home, iso podo dicilo eu, pero non un bispo, un mensaxeiro do Cristo que mandou amar os inimigos. Como entederá monseñor García Magán o evanxeo de Mateo, que pide perdoar setenta veces sete? E a san Paulo, cando di que a xustiza da lei non abonda e só a gracia que perdoa os pecadores é fundamento de paz?

A verdade é que a min da Conferencia Episcopal non me sorprende nada. Baixo a presidencia de monseñor Rouco Varela quedou claro que prefería a vinganza ao perdón, mesmo no seo da Igrexa, ao pedir a beatificación dos relixiosos asasinados polos roxos e non a dos asasinados polos nacionais; todos eles ovellas negras e descarriadas que defenderan a legalidade republicana.

Ser cristián non é doado porque Xesús era un radical, así que en canto o cristianismo se converteu na relixión do imperio, aos bispos faltoulles tempo para explicar que o de poñer a outra meixela e o de entrar os ricos no ceo coma os camelos polos ollos das agullas non ía en serio. O de perdoar a vítima ao vitimario é peor aínda porque Xesús predicou —e isto é esencial na ética cristiá— que debe perdoalo sen expiación nin arrepentemento previos do agresor. Os dirixentes independentistas non se arrepinten nin se emendan, e Puigdemont irrítanos a todos co cacarexo fachendoso no exilio dourado; pero ata agora a Conferencia Episcopal, claramente dividida en catalanistas e españolistas, manifestárase a prol do diálogo como solución ao conflito. Fíxoo en 2017, días antes do referendo do 1 de outubro; e no 2021, pouco despois de indultar o Goberno nove líderes independentistas. Daquela o portavoz, monseñor Luis Argüello, declarou: «Estamos, como los obispos catalanes, por el diálogo».

Pois agora non. Os bispos cataláns están polo diálogo, o perdón e a convivencia en Cataluña, e os outros, os que asinten ou calan ante as palabras do portavoz García Magán, pola vinganza que, xa se sabe, é un prato exquisito que debe servirse frío. Como fan eles.