Normalizar a brutalización é o que parece estar argallándose nestes días, despois do ataque terrorista de Hamás coa masacre e o secuestro de civís e mentres agardamos o ataque en represalia de Israel que, xa antes de producirse, está a impor o terror entre a poboación civil palestiniana de Gaza. Homes, mulleres, vellos e novos, cativos e cativas, alleos ás lóxicas militares do terror son arrebolados por elas. Normalizar a brutalización forma parte da cultura da guerra que está a imporse a marchas forzadas nos últimos tempos. Non é doado habilitar ás persoas para a guerra, porque os seres humanos prefiren as máis das veces optar pola paz e a solución pacífica. Sobre todo porque dende hai décadas, no século pasado, foise impondo unha cultura de dereitos humanos que ten a súa correspondencia na resolución pacífica de conflitos. A ONU é a súa principal expresión, pero tamén a Unión Europea.
A Primeira Guerra Mundial tivo o efecto de brutalizar ás sociedades que combateron nela e xerou unha cultura de guerra nas décadas seguintes, non por acaso chamadas de entre-guerras. Mesmo levou á militarización da política e de moitos partidos. Lembren os uniformes das milicias cidadás e políticas tan abundantes na época. Aquela militarización durou até a seguinte guerra mundial, que se desenvolveu e rematou dun modo atroz, rodeada de matanzas e coas dúas bombas atómicas lanzadas ata o de agora, dirixidas a obxectivos civís, a cidades habitadas por milleiros de persoas. Despois daquilo as sociedades empeñáronse en mudar o estado de guerra polo Estado de benestar, pero a disputa entre ambos nunca desapareceu, nin durante a Guerra Fría, nin nas numerosas guerras quentes da posguerra que se multiplicaron co cambio de século.
Entre a guerra nova de Ucraína e o que volve estar pasando entre Palestina e Israel, continuando un vello conflito ao que non se lle deu posto solución dende case o mesmo momento final da última guerra mundial, estamos asistindo en directo a un proceso de brutalización que non debera naturalizarse. Por riba de cálculos políticos curtos e superando os cantos dos extremistas resulta esencial volver situar no centro a cultura da paz. Volve ser decisivo reclamar o benestar colectivo como aspiración, o respecto ás leis e os acordos internacionais, a defensa dos civís fronte aos ataques armados e militares, a mediación e a actuación das organizacións que protexen aos civís e atenden aos refuxiados. Nunca foron tan importantes a Cruz Vermella e Acnur, nacidas dos desastres militares de dous séculos diferentes.
Estas aspiracións sociais, ou semellantes, deberan ser as dos nosos políticos, para que a cultura de paz venza á cultura da guerra. Dunha forma alarmante, algúns, demasiados, dos nosos responsables políticos abandonan estes días as palabras de paz para meter a guerra nas súas leas, no regate electoral. Nunha dimensión e cunha banalización que non vimos sequera nas disputas de comezos de século en relación coa guerra de Iraq. Este mundo necesita palabras de paz. Idealismo, si, imprescindible pensando no pasado.