Unha ducia de millóns de pobres

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

M.MORALEJO

23 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En España hai 12 millóns de pobres. Leron ben. O dato non o saco eu da miña mente perversa, senón do novo informe da Red Europea de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social, xa saben, unha desas organizacións que aos gobernos, tamén a este, non lle agradan e que están, precisamente, para iso, para poñernos diante das realidades que preferimos non ver. Porque sempre é moito máis agradable ver a clasificación dos futbolistas para a Eurocopa que saber que hai 12 millóns de persoas etiquetadas en categorías como «risco de pobreza» ou «privación material social e severa», por só citar dúas das varias que alí aparecen e que, de verdade, meten medo. Porque ese país do que presume Sánchez, ou do que presume Rueda, ou calquera alcalde, ten 12 millóns de pobres.

Unha ducia de millóns de persoas que non poden mercar un ordenador para que os seus fillos e fillas sigan a aula virtual dos seus centros. Xa podemos falar de dixitalización do ensino que hai millóns de nenos e nenas que non poden ter un ordenador na súa casa. Un monte de millóns de persoas que cando ven na tele que comezaron as rebaixas non poden nin pensar en mercar roupa nova, ou que cando miran os anuncios das axencias de viaxe anunciando eses fabulosos cruceiros saben que nunca, nunca xamais, o poderán facer. Doce millóns de persoas que non saben o que é o aire acondicionado ou a calefacción central. Ou peor: que o saben pero que non poden permitirse darlle ao botón de acendido. En definitiva, que son pobres. Xente coma ti e coma min. Xente pobre nun país que di que é dos máis desenvolvidos de Europa.

Quizais aí está parte do problema. En que o «desenvolvemento» é un concepto capitalista e, polo tanto, a pobreza percíbese coma un dano colateral. Coma os mortos civís nas guerras. Pero en ambos os casos son xente. Pobres ou mortos. Probablemente son a mesma clase de persoas: os pobres adoitan morrer máis que os ricos nas guerras. Os pobres, de feito, viven nunha guerra perpetua.

A pobreza en España xa non é cousa de vagamundos que andan tirados pola rúa, aínda que haxa moita xente que malvive así. Os nosos pobres son os que nunca atopan un emprego que os saque da precariedade, os que non poden acceder a determinados niveis da educación. Ou nin iso: o informe demostra que moitos deses 12 millóns de pobres son licenciados universitarios. Algo inconcibible hai só uns poucos anos. E, por suposto, a meirande parte desa ducia son mulleres. A pobreza tamén ten nesgo de xénero en España.

Unha cantidade indecente que nos debería poñer rubios a todos de vergonza. Sobre todo aos que toman as decisións. Erradas, seica, posto que a pobreza medra ano tras ano.