O sentido da linguaxe inclusiva

María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

María Pedreda

14 nov 2023 . Actualizado a las 09:28 h.

Hai unha lingua aborixe australiana, documentada no interesantísimo e moi recomendable Arquivo Dixital das Linguas en Perigo de Extinción, na que unha muller, para relatar os mitos do seu pobo, senta no chan e, ao tempo que emprega a linguaxe oral, traza fermosos debuxos xeométricos na area. Trátase dunha especificidade dese idioma que obedece, sen dúbida, ás condicións territoriais dun pobo asentado no deserto; pois linguas non son meros códigos abstractos, exactos e inmutables, senón que van tomando forma nun espazo e nunha cultura concretos. Así que non pode estrañar que un sistema patriarcal sostido no tempo ao longo dos séculos deixase tamén a súa forte pegada nas linguas que coñecemos e falamos.

Se esta influencia circulase nunha única dirección, de xeito que a cultura determinase a lingua, pero esta influíse pouco ou nada no modo de pensar e actuar, isto non tería grande transcendencia. Mesmo poderiamos conservar eses trazos patriarcais perceptibles como lembranza dunha etapa histórica que conformou a lingua. Á fin e ao cabo, todo idioma é un palimpsesto que se vai construíndo sobre as ruínas do que precedeu. Mais acontece que, alén de inserir no seu código os trazos da cultura que a conforma, as linguas contribúen, á súa vez, a conservalos e transmitilos. Velaquí, posiblemente, a razón de tanta belixerancia e tanta resistencia.

Que o masculino sexa o xénero non marcado non é casual nin inocente. Foi unha escolla feita en épocas nas que, efectivamente, o home (no sentido de varón) era a medida de todas as cousas e a perpetuación dese uso ten o seu papel na resistencia ao cambio social que comeza a facernos inaceptable que, por exemplo, nun libro de historia, se atribuísen ao «home» todos os avances da humanidade.

A inercia sempre é máis cómoda có cambio. Seguro que ata cando se pasou de transportes públicos diferenciados para persoas brancas e negras a un uso compartido e indistinto houbo quen se sentiu amolado e prefería seguir «coma sempre». Mais hai trocos necesarios e procesos valiosos: o propio debate arredor da linguaxe inclusiva é fondamente interesante e permite asistir a oposicións ideolóxicas máis fondas do que semellan na superficie, a cambios de perspectiva que desautomatizan a nosa percepción da linguaxe e do que dicimos, que fan que nos autoanalicemos e que descubramos en nós, ás veces, actitudes que non sustentariamos de xeito consciente que nos foron transmitidas (a miúdo a través da propia linguaxe).

Cando comecei a traballar de profesora tamén eu empregaba o masculino xenérico. Así se me transmitira e eu interiorizo moi ben as normas. Mais acabei mudando de actitude como resultado dunha reflexión e decisión consciente e estou convencida de que o esforzo de desautomatización fixo que as miñas alumnas, desde a propia linguaxe, se sentisen apeladas, recoñecidas, iguais aos seus compañeiros. Para algunhas persoas ese esforzo é un martirio. O martirio foi, para tantas mulleres, viviren as súas vidas baixo sistemas opresivos nos que ser muller estaba marcado como inferior e isto se lles lembraba a cada intre, mesmo desde a linguaxe. Pequeno esforzo é o noso se contribúe, aínda que sexa modestamente, a mudar esa inxustiza.