
Barrio é unha palabra de orixe árabe que designaba a poboación que estaba fóra da muralla, desprotexida. Co crecemento burgués o centro cidade foi tanto lugar do poder como da miseria, os sumidoiros sociais que tan ben describiu Dickens. Anos despois, invocando a hixienización, derrubáronse aquelas illas insalubres e a especulación inmobiliaria se apoderou delas; Zola fixo un magnífico retrato deste proceso no París dos Rougon-Macquart.
Na España da posguerra houbo unha forma dual de facer cidade. Os bárbaros ensanches de promoción privada destruíron o tecido da periferia próxima, mentres os polígonos de promoción pública, ocupados por poboacións diversas que migraban ás cidades na procura de traballo e servizos, contaban cunha boa ordenación de arquitectura e espazos públicos, pero cunha calidade da execución deficiente.
Tamén no inicio da democracia houbo dúas formas de resolver o crecemento urbano. Por unha parte, un planeamento voraz que, de novo, engulía os barrios tradicionais programando áreas de crecemento expansivo; por outra, un planeamento que conservaba o tecido característico dos barrios, creaba ao seu carón novas áreas habitacionais e unía todo o conxunto, tecendo o rueiro preexistente coas novas vías.
Pola miña vinculación con Barcelona, compartín con Pasqual Maragall a necesidade de incorporar ao centro urbano os barrios illados evitando a toda costa a segregación, de rehabilitar as vivendas e de «iluminar» as zonas en penumbra con dotacións socioculturais e áreas verdes. Por entón produciuse un fecundo diálogo entre arquitectura e escultura, que sempre van da man porque o que fan é crear ou recrear o espazo público. Nos últimos tempos proliferan estatuas e monumentos de peto con afán memorístico, sen escala nin contexto, como simples adornos. Os munícipes deberían consultar antes algunha boa especialista en escultura pública.
Podemos considerar que estes centros ampliados xa están acabados e non precisan máis infraestruturas viarias que segreguen, como túneles, pasos elevados ou grandes aparcamentos soterrados. Trátase máis ben de «rehabilitar» o rueiro existente dándolle presenza prioritaria aos peóns e a un transporte público eficiente, silencioso, sen emisións e con tamaño axeitado aos itinerarios. É tamén o momento de rehabilitar as fachadas dos ensanches dos anos 70 facendo arquitectura, para mellorar non só a eficiencia enerxética senón tamén a imaxe urbana, cousa que non se resolve só trasdosándoas con esas chapas metálicas tan estendidas.