Galicia non vai ser unha illa enerxética

Mª Jesús Lorenzana Somoza CONSELLEIRA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

OPINIÓN

HANNIBAL HANSCHKE | EFE

30 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia non vai quedar de brazos cruzados logo de coñecerse que non imos dispoñer de fondos comunitarios para executar o hidroduto Guitiriz-Zamora, que nos ha de conectar á rede europea do hidróxeno verde. Non podemos facelo. Non cando o temos todo da nosa parte. Temos renovables, biomasa, auga. Temos portos que poden ser necesarios para dar saída a produtos producidos a partir de hidróxeno. Temos empresas, industrias e capital humano cualificado neste sector. Temos o máis importante de todo: unidade e unanimidade en torno á idea de que Galicia pode; de que podemos ser un referente en todo o noroeste no despregamento deste vector enerxético. Con ese espírito naceu a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, que agrupa todo o ecosistema.

Temos, en definitiva, vontade política e iniciativa privada para promover a implantación de proxectos, algúns dos cales, neste momento xa están en fase moi avanzada de tramitación como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias. Suman 270 millóns de euros de investimento e teñen como emprazamento As Pontes, Meirama (Cerceda) e Arteixo. Falamos de empregos directos pero, tamén, de toda unha industria auxiliar que se vai ir asentando ao seu abeiro.

Témolo todo, conscientes dos moitos avances que aínda quedan por facer a nivel tecnolóxico e normativo neste sector. Que nos falta? Que o Goberno central reme na mesma dirección ca nós, non á contra. Fáltanos compromiso e sóbranos desleixo pola súa parte. Desleixo, porque non defendeu como debera que o treito galego formase parte da planificación do trazado do H2Med, desconectando toda a esquina noroeste da península desta infraestrutura estratéxica.

A decisión da Comisión Europea que coñecemos estes días abre un escenario de incertezas que non cabe dúbida de que xeran un prexuízo. Por un lado, polos interrogantes que se abren, a pesar de que temos o compromiso claro de Enagás por «apuntalar» o hidroduto galego, que se mantén nas súas previsións. Pero, fundamentalmente, porque pode chegar a desincentivar futuros investimentos en Galicia e a chegada de novas industrias. E, igualmente, a viabilidade de proxectos maduros que están sobre a mesa para os cales dispoñer desta infraestrutura é vital. Como tamén o é poder abastecerse de electricidade a un prezo accesible.

Galicia non vai quedar cruzada de brazos porque non queremos ser unha illa enerxética, aínda que pareza que, si depende do Goberno de España, poida pasar. Pola nosa banda, imos seguir reclamando a conexión que se nos nega. Imos seguir insistindo en que é necesario modificar a planificación da rede eléctrica para dar cobertura a proxectos industriais que son estratéxicos na comunidade. E imos seguir demandando os fondos necesarios para que a industria galega poida reivindicarse neste contexto de transformación verde e dixital. Non queremos máis, pero tamén cremos que non merecemos menos.