Zona tensionada: os rostros da vivenda

Inés Rey ALCALDESA DA CORUÑA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As persoas que traballamos no ámbito municipal estamos afeitas a poñerlles rostro ás necesidades de veciños e veciñas. Somos unha Administración de proximidade, que esixe trato directo coa xente, algo que noutras alturas institucionais non se dá tanto. Por iso, cada vez que existe un problema coñecemos case exactamente a quen afecta, podemos poñerlles algúns nomes e apelidos. É obvio que non coñezo de xeito persoal os máis de 2.300 demandantes de vivenda pública que hai na Coruña. Pero si teño falado con moitos. E iso, poñerlles rostro, como tamén fai nestas páxinas La Voz, axuda a entender a dimensión do asunto. É un exercicio que oxalá practique tamén a Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias e o orzamento para propoñer as solucións, como eu mesma lles teño explicado a varias desas persoas que recorren a min ante o muro co que se atopan na Administración autonómica.

Con todo, desde o Concello da Coruña non quedamos parados. Como en tantos outros temas, as entidades locais intentamos, con menos recursos e facultades, paliar a inacción de quen debería xestionar a área. Así, o noso presuposto municipal para o 2024 inclúe unha partida para erguer 50 vivendas de promoción pública (VPP) ou establecer unhas 500 de aluguer a prezo taxado, que se unen a outras medidas, como a regularización dos pisos turísticos ou o compromiso, xa posto en marcha, de axilizar licencias para construír 4.000 vivendas no período 2024-2030.

Nós levamos tempo traballando neste eido, pero atopamos barreiras na Xunta de Galicia. O Goberno galego desatendeu durante os últimos 15 anos a promoción de VPP á que está obrigado —só actuou de xeito moi tímido recentemente, ás portas das eleccións— e incluso paralizou a nosa petición de declarar A Coruña como mercado tensionado para así controlar o prezo do alugueiro, onde existe unha problemática moi visible para calquera que saiba mirar. Agora, a Administración autonómica ábrese a unha rectificación. Benvida sexa.

A pesar de que ás veces non nos respondan coa mesma actitude, desde a alcaldía estamos sempre dispostos a colaborar coa Xunta polo ben da cidade. Volverémolo facer agora. Pero non podo negar a miña preocupación. Non é bo sinal que o Goberno galego teña tan poucos reflexos ou mesmo interese no referido ao acceso á vivenda, que forma parte das súas competencias, apenas exercidas malia tratarse dun dereito básico, detrás do que no Concello da Coruña si sabemos que hai rostros e persoas. A elas nos debemos.