A axenda do presidente

OPINIÓN

El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, comparece en la convención anual del Partido Socialdemócrata alemán en Berlín
El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, comparece en la convención anual del Partido Socialdemócrata alemán en Berlín CLEMENS BILAN | EFE

18 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo que o presidente Sánchez ten previsto reunirse «canto antes», en moitas xuntanzas que seica van encher a súa axenda, con grandes representantes do Ibex 35, é dicir, os grandes multimillonarios, para «transmitirles seguridad ante la nueva legislatura», ou o que é o mesmo, vai explicarlles que non van perder pasta, que os seus beneficios van seguir medrando cada ano máis, que poden durmir tranquilos porque este presidente, coma calquera outro presidente, vai ver por eles, coidalos e ter moi presentes nas súas decisións. Que esas xuntanzas sexan unha das prioridades dun presidente, deste ou de calquera outro presidente, o que deixa claro é que non existe en España unha democracia real, porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale, e o que importa é o que importa e, señor presidente, non me ande vostede con coñas.

E cando non son grandes empresarios do Ibex 35, son grandes banqueiros, ou grandes holdings empresariais ou asociacións económicas, FMI, Banco Mundial, ou quen sexa, os que se teñen que reunir con este presidente ou con calquera outro presidente porque, en definitiva, eles son os que en última instancia cortan o bacallau, ditan as regras do xogo ou, sen máis, deciden quitar ou poñer gobernos. Por riba da vontade popular, hai intereses moi claros que o Goberno ten que ben tratar, favorecer, priorizar. Logo xa vén a xente. Pero moi atrás. A xente é o derradeiro elo dunha cadea miserable na que non contan case que para nada.

O presidente, calquera presidente, non só este, ten as mans atadas polo poder real, que non é o que el detén, senón o que estes lobbies (de lobos) realmente teñen. Por iso pode mandar máis o palco do Bernabeu que un consello de ministros. Por iso é mais importante estar a ben con esas tribos traxeadas que coas clases traballadoras.

A palabra democracia significa «poder do pobo», pero na práctica significa «poder sobre o pobo», porque eses señores diante dos que este presidente, como calquera outro presidente, se axeonlla, necesitan que as políticas que se fagan os favorezan a eles e non ao pobo. Pero xa saben vostedes o que pasa: que se alguén tenta chegar ao poder cun discurso coma o que se expresa neste artigo, dirase del que é un radical, ou, peor, un antisistema. E si: o enfoque é puro antisistema. Porque o sistema vai contra a xente. Este presidente, coma calquera outro presidente, sabe que o pobo non é quen máis ordena, como cantaba a canción. El sabe de verdade quen dá as ordes. Quen manda.

Todos eses que ocupan a súa axenda.