O Entroido, no xulgado

OPINIÓN

Santi M. Amil

21 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén discute que o ruído para moita xente é unha amoladura, unha verdadeira agresión. Tamén hai xente repugnante que é quen de che chamar a atención polo pranto dunha criatura que esperta na noite, ou, como lle pasou a unha amiga da Coruña, que recibiu a queixa dunha veciña por mor dalgún que outro orgasmo estridente. Nin tanto nin tan pouco. Casares lembraba mesmo a teima dalgúns concellos dinamarqueses que querían regular o canto dos galos. Unha tolería.

O outro día, nunha actuación musical para a rapazada na praza maior de Xinzo, había tal barullo que non era posible escoitar a actuación. Entre o público amoreado diante do grupo, decateime de que había polo menos un par de nenas e un neno con auriculares, talvez como medida preventiva para a saúde dos seus ouvidos. Entendo a esas nais e pais porque a contaminación acústica destes días é de estudo. A min, coma a moita xente, dúralle durante uns cantos días o son dos cintos das campás dentro da cabeza coma un axóuxere molesto, e teño na familia persoas que non poden pegar no sono porque a festa é continua e as palabras collen peso na noite. Pero tamén é certo que a ninguén na miña vila se lle ocorrería levar o ruído do Entroido ao xulgado, a non ser que fose unha brincadeira improvisada dalgúns veciños trouleiros. En Ourense, seica si. E velaí como 25 familias, que residen no centro histórico, formalizaron a denuncia contra esa suma de decibelios e excesos que fan das súas noites un verdadeiro calvario. Non lles tiro a razón, mais non lle vexo moito percorrido a esta denuncia porque o Entroido é un instrumento de pracer para moita xente. Por riba, agora que en cada casa parece haber unha discoteca portátil, regular o ruído desta festa, sería tanto como poñerlle portas ao campo.