O campo necesita unha forma distinta de xestión

Xosé A. Rodríguez PROFESOR DE ECONOMÍA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

ALVITE

22 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O campo está en loita e con moita razón. As actividades do campo sempre estiveron moi mal valoradas e xestionadas na Unión Europea (UE). Neste momento, a UE está a perder unha grande oportunidade para levar a cabo unha transición verde e xusta, precisamente aproveitando o potencial das actividades do campo, en canto á súa capacidade de xerar recursos sostibles para unha sociedade cada vez máis consciente dos problemas climáticos do planeta.

Un dos problemas importantes na xestión das actividades do campo é que non existe unha contabilización previa do valor social de ditas actividades. Poñamos como exemplo o caso do sector lácteo galego. Sabemos o que se paga nos supermercados por un litro de leite (prezo de mercado), sabemos que deste prezo o produtor recibe unha parte, que en moitos casos non cobre os custos de produción, pero seguimos sen saber o valor dun litro de leite. Se non temos valorado axeitadamente o que producimos, como imos a xestionar axeitadamente esa produción?

Resulta imprescindible empezar a contabilizar as actividades do campo segundo o seu valor neto social. Indícase o termo neto porque estas actividades tamén poden ocasionar efectos sociais negativos que deben contabilizarse. O valor neto social debe ter como mínimo tres compoñentes: os custos de produción, unha marxe normal de beneficio e as externalidades netas sociais (ENS). As ENS recollen os efectos netos sociais positivos que as actividades do campo sexan para a sociedade, adicionais aos propios produtos agrarios. Entre estes efectos netos sociais positivos poden citarse, entre outros, os seguintes: son actividades que axudan á protección do medio ambiente, contribúen a fixar poboación no rural, son a grande despensa da produción ecolóxica, subministran produtos de calidade e de proximidade... Todos estes efectos positivos é posible cuantificalos e rexistralos mediante o establecemento dunha axeitada contabilidade social e ambiental das actividades do campo.

É precisamente este tipo de contabilidade e concretamente o valor do compoñente ENS mencionado, conxuntamente con outros aspectos que se podan considerar, o que debe ter en conta a Unión Europea para establecer as súas políticas e axudas ao campo, na busca desa desexable transición verde e xusta.

Como ben indicaba hai uns días neste mesmo medio o profesor Fernández Prieto, temos que mudar a forma de producir, ao que podemos engadir que tamén temos que mudar a forma de valorar o que producirmos.