Esas mulleres
É moi preocupante que na xeración Z só o 35 % dos homes nos declaremos feministas e o 61 % considere que o feminismo os discrimina. Porén, este movemento social e político da igualdade real e da emancipación da condición humana fronte ás desigualdades imperecederas debería ser unha realidade universal. É inadmisible que desde o 2003, un total de 1.236 mulleres fosen asasinadas, representando o 75 % aquelas que non denunciaron previamente; desempeñan o 74 % dos traballos parciais, cobrando un 21 % menos que os homes e percibindo un 37 % menos de pensión; un 57% renuncian a traballos por incompatibilidade coa maternidade, dedicando 26 horas, o dobre que os homes, nas tarefas domésticas e no coidado de fillos; o 71 % das vítimas de trata son mulleres e nenas, sendo 9 de cada 10 vítimas de relacións forzosas; en contra do que se afirma só o 0,0084 % son denuncias falsas e as partidas destinadas aos «chiringuitos feministas», en expresión de partidos de extrema dereita, son do 0,133 % do presuposto total mentres que o custe mundial da violencia de xénero supón 1,5 billóns… As mulleres só lideran o 11 % das xefaturas de Estado, o 9 % de presidencias de gobernos e o 25 % de escanos parlamentarios. A pesar desta realidade inxusta, só o 53% da sociedade española nos declaramos feministas. Xián Antón Lorenzo. Ourense.