Isto é amor

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

La presidenta de la Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, durante el pleno de la Asamblea de hace unas semanas
La presidenta de la Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, durante el pleno de la Asamblea de hace unas semanas Jesús Hellín | EUROPA PRESS

01 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, defendía a inocencia da súa parella, esta, sen advertirllo, recoñecía os seus delitos e facía tratos para mellorar a súa situación coa xustiza. Estes feitos trouxeron á miña memoria un soneto de Lope de Vega («Desmayarse, atreverse, estar furioso»), onde di, entre outras cousas terribles, que amor é «dar la vida y el alma a un desengaño». No seu caso, a súa propia vida contradí as súas palabras. O último e gran amor que viviu con Marta de Nevares non acabou en desengano: seguiu amándoa cando ela, cega e tola, xa non podía velo nin recoñecelo.

Desenganaríase Isabel Díaz Ayuso? Quizá non. O portugués Gil Vicente, outro gran poeta do século XVI, deixou escrito: «Sepan cuantos son nacidos / aquesta sentencia mía / que contra muerte y amor / nadie no tiene valía». Ou sexa, en palabras vulgares: non podemos librarnos nin da morte nin do amor. Dese carácter fatal do amor faláballe Lope ao duque de Sessa, o seu mecenas, cando era xa un sacerdote ancián: «Estoy perdido, si en mi vida lo estuve, por alma y cuerpo de mujer, y Dios sabe con qué sentimiento mío porque no sé cómo ha de ser ni durar esto, ni vivir sin gozarlo». Desafiou todas as regras e soportou todas as críticas. E, cando Marta morreu, Lope deixounos un novo testemuño daquel amor inmortal: «No quedó sin llorar pájaro en nido, / pez en el agua ni en el monte fiera, / flor que a su pie debiese haber nacido / cuando fue de sus prados primavera; / lloró cuanto es amor y hasta el olvido / a amar volvió por que llorar pudiera, / y es la locura de mi amor tan fuerte / que pienso que lloró también la muerte».

Isabel Díaz Ayuso contratou a Joaquín Leguina, así que é posible que deste asunto saian, non versos, pero si unha boa novela.