![](https://img.lavdg.com/sc/oLZ1ywuhTZssDAK-b_zY8iumgEE=/480x/2024/04/12/00121712935561522795622/Foto/j_20240412_162428000.jpg)
Moito agradecín ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, o espectáculo da súa voda con Teresa Urquijo. Ver a feliz parella marcarse un chotis innovador, non en plan Pichi e Paca la Madriles; non nunha baldosa; non moi apretao nin moi cimbreao, nin coa graza dun piropo retrechero; pero si un chotis con moita risa entre moito modeliño choqueiro-entroido-ourensán, reconcilioume un par de horas coa clase política. Ao alcalde Almeida eu enténdoo. Arela ser un alcalde popular e por iso quixo trocar o tradicional e aristocrático vals vienés polo chotis madrileño castizo. O malo —pensaba— é que Celia Gámez celebrara en 1939 a entrada do Exército franquista en Madrid co chotis Ya hemos pasao e que Vox o utilizara en Twitter para celebrar a súa entrada no Concello de Madrid, no 2019.
—¡Si es facha, no! —berrou Almeida, arrepiado, aos asesores.
Pero un ben informado tranquilizouno: en 1932, na ilusionada España republicana soaba o chotis Es mi Manuel, dedicado nada máis e nada menos que a don Manuel Azaña:
Manuel, Manuel, Manuel
has de saber que aquí en España
no es igual la hazaña de Manuel
que la de Manuel Azaña.
Tamén o poeta Marcos Ana, o preso político que cumpriu a condena máis longa no franquismo (23 anos), contara nunha entrevista que el e outros camaradas chamaban «a Pepa» á pena de morte e mentres esperaban seren xulgados, cantaban un chotis que dicía:
Es la Pepa una gachí
que está de moda en Madrid
y que tiene predilección por los rojillos.
Cuando viene esta mujer
a la cárcel de Porlier
al más bravo se le anuda el solomillo.
Ata o director do cárcere, Amancio Tomé, tiña o seu chotis nunha variante de La verbena de la Paloma:
¿Dónde vas con las barbas de chivo?
¿Dónde vas don Amancio Tomé?
A la plaza, a comprar zanahorias
pa los presos que tengo en Porlier.
Ademais —engadiu o asesor informado—, nas primeiras eleccións democráticas o candidato da UCD á alcaldía de Madrid, José Luis Álvarez, fixo campaña con El chotis del alcalde e gañou; pero Tamames deulle os votos a Tierno, quen en 1985 se marcaría un chotis con Rocío Jurado no escenario do Palacio de Deportes ante miles de persoas que o ovacionaron con fervor. Aí Almeida decidiuse:
—¡Chotis!
E houbo chotis. Un chotis daquela maneira, un chotis de circunstancias. Co organillo non se atreveu e buscou amparo na voz de Plácido Domingo; pero un político que arma a tremolina, non cabrea e divirte, ben merece un aplausiño e eu doullo.