Os camiños das bombas

OPINIÓN

MOHAMMED SABER | EFE

16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos, nunha visita a un centro educativo para lle falar ao alumnado, o profesor agasalloume cun relato dun seu alumno que, malia non ser moi bo estudante, seica tiña o don da escrita e argallara un texto xenial. Cando esa noite cheguei á casa, lino con abraio porque xa nas primeiras liñas era doado decatarse da forma e a orixinalidade coa que contaba en dous planos diferentes a historia dunha rapaza que traballaba nunha fábrica de bombas mentres o seu irmán, militar, loitaba nunha guerra no estranxeiro. A combinación desas dúas historias é fantástica e imos asistindo ao traballo cotián da rapaza na fábrica e aos días terribles de guerra do irmán. Intuímos a unión das dúas historias e un remate tráxico, como así é, e non nos sorprende tanto a coincidencia de que unha desas bombas da irmá sexa a que lle tire a vida ao seu propio irmán, como o xeito maxistral co que o texto nos conduce a ese feito dramático. Non sei onde metín ese relato; sei que o gardo en algures, e terá que aparecer en calquera momento, pero despois de tantos anos segue gravado na miña memoria lectora e sempre me vén á cabeza cando escoito a moitos líderes que miran de lavar a conciencia con condenas brandas sobre Netanyahu mentres por detrás seguen a fornecer con armamento destrutor a un exército israelí que está a cometer en Gaza un xenocidio en toda regra e xa nin lle importa matar a estranxeiros en misión humanitaria.

A rapaza da historia do relato séntese culpable por fabricar a bomba que, a miles de quilómetros, mata o seu irmán, pero o grao desa culpa nada ten que ver co que se albisca detrás das palabras falsas de Joe Biden ou Kamala Harris, que si son conscientes de cara a onde van as bombas que eles mesmos fabrican.